ponteceso turismo

Turismo :: Patrimonio cultural, histórico e artístico

Patrimonio cultural, histórico e artístico

A Pedra da Serpe

Da prehistoria aparecen restos como os círculos de pedra da illa da Estrela e castros como o de Nemeño. Recentemente apareceron uns petroglifos nas proximidades da aldea de Roncudo que están a ser estudados, de orixe por determinar.

A Pedra da Serpe, situada na parroquia de Gondomil e que representa a unha serpe, de discutida cronoloxía, pertence á época precristiá e parece ter relación con cultos ancestrais prerromanos. Segundo os historiadores, o topónimo de Ponteceso é debido á antiga existencia dunha ponte sobre o Río Anllóns. A ponte actual, de cinco arcos, construíuse no século XIX sobre outro que considerase de orixe romano. Igualmente a dominación romana deixou o seu selo co paso da vía romana Per Loca Marítima.

Os castros son representacións da cultura prerromana, característicos de Galicia. No Concello de Ponteceso, houbo un castro preto da praia da Ermida, onde máis tarde se levantou unha capela dedicada á Virxe da Estrela, que deu nome á illa e á praia. Na parroquia de A Graña existen xacementos arqueolóxicos de interese, como o Castro de Lestimoño. A parroquia de Cores é rica igualmente en monumentos arqueolóxicos deste tipo, como demostra o inventario realizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que indica a presenza de varios xacementos como son o Castro da Coteleira, o Castro de Cores e Mámoa dos Torrados. Tamén encontramos xacementos de interese histórico en Nemeño, como son o Castro de Nemeño e Mámoa das Modias.

Pazo de Sergude

Escritos encontrados indícannos que o mosteiro de Almerezo xa existía no ano 876, fundado por San Rosendo. No século XII foi absorbido polo Mosteiro de Sobrado. Encontramos no Concello de Ponteceso numerosas igrexas, pazos, cruceiros e muíños que mostran a riqueza artística e patrimonial da nosa historia. A maior parte das igrexas presentes do Concello constitúen unha boa representación do románico, aínda que o tempo e as sucesivas restauracións ofrecen mostras do estilo barroco e mostras artísticas que datan incluso do século V. Entre elas destacan a Igrexa de San Martiño de Cores, a Igrexa de Santo Tomé de Nemeño, a Igrexa de San Xián de Langueirón, a Igrexa de San Tirso de Cospindo, a Igrexa de San Xián de Brantuas, a Igrexa de San Vicenzo, a Igrexa de San Fiz do Anllóns. Outras construcións a mencionar son o Pazo de Rebordáns, o Pazo de Sergude e o Pazo de Torres, entre outros.

Igrexa e cruceiro de San Tirso de Cospindo

Como na maioría dos concellos galegos, os cruceiros están presentes na maioría das parroquias de Ponteceso, mostra da importancia da cristiandade na cultura desta terra. Destacan o Cruceiro de San Fiz, na parroquia de Anllóns, de interese histórico e cultural, o cruceiro presente na entrada da igrexa de San Tirso de Cospindo, e o cruceiro do Monte Branco.

O visitante ao Concello de Ponteceso non debe esquecer coñecer igualmente ás persoas que, máis recentemente, enriqueceron a nosa cultura e arte, especialmente o bardo Eduardo Pondal, fillo de Ponteceso, autor do Himno Galego. Na parroquia de o Couto encóntrase a Fundación Eduardo Pondal, que debe ser visitada polos amantes da cultura e poesía galega.

© by Abertal