Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O goberno municipal intensifica a promoción do parque empresarial como foco de desenvolvemento económico e de creación de emprego

O alcalde reunirase mañá co xefe de servizos técnicos da Cámara de Comercio da Coruña

O goberno municipal de Ponteceso aposta pola promoción do parque empresarial como principal foco de crecemento económico e de creación de emprego. Con esa intención, desde o primeiro día estamos a desenvolver accións que contribúan ao asentamento de novas industrias no noso concello, entre elas o establecemento de bonificacións do 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), o despregue de fibra óptica de última xeración que permite ás nosas empresas dispoñer de ata 350 megabytes por segundo ou o desbloqueo da venda de solo en mans privadas. Pero o traballo non remata aí, senón que, como apunta o alcalde, Lois García Carballido, “imos seguir realizando accións encamiñadas á promoción empresarial e á atracción de industrias ao noso concello”.

Nesa liña de traballo, para mañá martes está prevista unha reunión de traballo coa Cámara de Comercio da Coruña na que se intentará acadar tamén a implicación da entidade, que xa no ano 2010, no seu Plan de promoción industrial da Coruña e da súa área de influencia, sinalaba cara a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte como un dos polos potenciais de desenvolvemento industrial polo efecto, fundamentalmente, do porto exterior de Punta Langosteira. Nese escenario, desde o goberno municipal consideramos que o parque empresarial de Tella debe estar nas mellores condicións posibles para converterse nun dos puntos de referencia para as empresas.

Na xuntanza, prevista para as 10.30 horas na Casa do Concello, participarán o alcalde, o axente de desenvolvemento local e o xefe de servizos técnicos da Cámara de Comercio, Carlos Fernández. Despois da reunión de traballo está prevista unha visita ao parque empresarial.

Concello de Ponteceso