Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Música, xogos e moito baile para os "Domingos de Lecer" en Ponteceso e Corme

A Concellería de Sanidade e Servizos Sociais incrementa a oferta de ocio para os/as maiores ao tempo que promove hábitos de vida máis saudables

Todos os domingos pola tarde hai festa en Ponteceso. Que llo digan aos veciños e veciñas que cada semana acoden sen falta á súa cita coa música, o baile e a diversión no Centro Cultural da vila ou, ó último de cada mes, no Fogar do Pensionista de Corme. A través do programa Domingos de Lecer, a Concellería de Sanidade e Servizos Sociais promove unha serie de actividades lúdicas dirixidas á terceira idade coas que se pretende incrementar a oferta municipal de ocio e lecer entre os nosos maiores ao tempo que se promoven novos hábitos de vida, máis activos e saudables cos que combater o estres, a depresión ou o sedentarismo.

Para poder participar nesta actividade só se precisa ter ganas de pasalo ben. Pola contra, as propostas para a tarde poden ser do máis variadas: xogos de mesa, encontros con amigos/as, boa conversa e, sobre todo, animados bailes de salón amenizados por grupos musicais á altura dun público moi esixente. Entre as peticións máis demandadas están o pasodobre, o tango e os boleros aínda que tamén hai quen se atreve con ritmos tan ?salseiros? como a bachata, a cumbia ou o chachachá. Todo serve cando se trata de gozar dunha tarde de troula e sen preocupacións.

O departamento que dirixe Isabel Vuelta xa ten elaborada a programación coas novas actuacións musicais previstas para os meses de abril e maio. Pero antes, os e as incondicionais desta actividade terán unha nova cita, a última deste mes. Será este domingo 25, de 18 a 21h, na localidade de Corme. Nesta ocasión, o ritmo poñerao o Dúo Karmín.

Se o que che gusta é gozar dunha tarde en compañía de amigos/as e veciños/as con bailes en vivo e en directo, bota unha ollada ao calendario coas próximas actuacións. A diversión está asegurada!

Concello de Ponteceso