Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso investiu preto de 110.000 euros na mellora de espazos naturais e na creación de emprego vinculado ao medio ambiente

O Fondo de Compensación Ambiental permitiu contratar unha cuadrilla e adquirir maquinaria e vehículos para a Brigada de Obras e Medio Ambiente

A recuperación e posta en valor medioambiental de espazos naturais de gran riqueza patrimonial e paisaxística como as contornas da Pedra da Serpe ou do Faro de Brantuas foi unha da actuacións desenvolvidas polo Concello de Ponteceso con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2017 (FCA), financiado pola Xunta para posibilitar que os municipios se beneficien do canon eólico en función do número de aeroxeradores e/ou explotacións que posúan no seu territorio e xestionado no noso concello pola concellería que dirixe José Manuel Pose Verdes.

O ano pasado a subvención concedida ao noso concello ascendeu a 109.365,12 euros, dos que preto da metade foron destinados á contratación dunha cuadrilla medioambiental de nove persoas encargada de realizar, durante os meses de maio, xuño, xullo e agosto, traballos de limpeza e mantemento en paseos marítimos, fontes, lavadoiros, contornas de elementos patrimoniais de interese e praias para a súa posta en valor.

Por outra banda, desde o Concello de Ponteceso procedeuse á adquisición de dous vehículos híbridos, postos a disposición da Concellería de Medio Ambiente e da Brigada Municipal de Obras, para facilitar os labores de conservación e mantemento da contorna en todo o termo municipal. Así mesmo, parte desta axuda foi destinada á compra de maquinaria (un corta-céspede, motoserras, un dumper e ferramenta) para equipar aos traballadores co material necesario para o desempeño das súas funcións.

En 2018, o goberno municipal pretende continuar desenvolvendo novas actuacións de carácter global encamiñadas á conservación, reposición e restauración de espazos naturais e do reequilibrio territorial que favorezan o medio ambiente e fomenten o emprego local.

Concello de Ponteceso