Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Consello Escolar Municipal e o Concello de Ponteceso apoian a demanda do ciclo medio de carrozaría para o instituto

O alcalde, Lois García Carballido, xa lle trasladou a solicitude ao conselleiro de Educación e pediulle que atenda as necesidades de formación profesional na zona

O Consello Escolar Municipal manifestou na xuntanza celebrada esta semana o seu apoio á demanda do IES de Ponteceso para que a Consellería de Educación volva a incluír na oferta educativa do centro o ciclo medio de Carrozaría. Estas ensinanzas xa foron impartidas ata non hai moitos anos, polo que ?dispoñemos xa de espazos, equipos e ferramentas. Só necesitamos un mantemento e a posta a punto dos mesmos?, argumentan desde o instituto. Pero este é só un dos argumentos a favor da solicitude, porque o lugar máis próximo onde pode cursarse este ciclo atópase a máis de 50 quilómetros de distancia e, ademais, existe demanda de profesionais por parte das empresas do sector da zona.

Tanto o alcalde, Lois García Carballido, como o concelleiro de Educación, Carlos Penedo Casmartiño, que asistiron á xuntanza do Consello Escolar Municipal, expresaron o apoio do goberno municipal á implantación do ciclo de Carrozaría. Nese sentido, xa que as competencias na materia corresponden á Xunta de Galicia, o alcalde púxose en contacto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para trasladarlle a demanda da comunidade educativa e insistir na necesidade de impulsar novas oportunidades de formación e emprego que contribúan a dinamizar o municipio e a comarca, ?xa que estamos en desvantaxe con respecto ás cidades?.

García Carballido insistiu tamén en que as empresas que absorben ao alumnado dos ciclos de Mantemento de vehículos e Electromecánica que se imparten no IES de Ponteceso levan anos demandando profesionais formados na área de carrozaría. ?Desde o goberno municipal pedímoslle ao conselleiro de Educación que teña ese xesto con Ponteceso e coa comarca?, manifestou o alcalde.

García Carballido aproveitou a conversa telefónica con Román Rodríguez para conversar sobre a recente viaxe a Celanova organizada pola Fundación Eduardo Pondal e sobre o interese do Concello de Ponteceso, berce dun dos grandes autores do Rexurdimento, Eduardo Pondal, en estreitar lazos tanto con Celanova, onde naceu Curros Enríquez, coma con Padrón, a terra de Rosalía de Castro.

Investimentos nos centros de infantil e primaria

Por outra banda, os representantes do goberno municipal expresaron na xuntanza do Consello Escolar Municipal o compromiso do Concello de Ponteceso coa educación. Nese sentido, sinalou o alcalde, ?comprometémonos a seguir investindo nos centros de infantil e primaria moito máis aló do que é a conservación, que é ata onde chegan as competencias municipais?.

O ano 2017, sen ir máis lonxe, o Concello de Ponteceso investiu 60.000 euros en melloras de todo tipo tanto no interior coma no exterior dos colexios As Forcadas de Corme e Eduardo Pondal de Ponteceso, incluída a instalación de portas ou das repisas das ventás, ademais de afrontar o mantemento das escolas unitarias integradas no CRA Nosa Señora do Faro.

Concello de Ponteceso