Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Preto de 150 estudantes do CPR Santa Margarita da Coruña apúntanse ás visitas guiadas da Concellería de Turismo

Un grupo de participantes no IV Ciclo da Universidade de Santiago realizaron a fin de semana pasada un percorrido acompañados/as polo técnico municipal de turismo

Esta semana preto de 150 estudantes do CPR Santa Margarita de A Coruña participarán nas visitas guiadas que organiza a Concellería de Turismo para grupos, entidades e /ou centros escolares que desexen coñecer o noso municipio de forma amena, didáctica e, ao mesmo tempo, saudable.

Mañá xoves recibiremos aos primeiros/as excursionistas. Unha expedición formada por 90 nenos e nenas acompañados/as de 7 profesores/as, realizará a ruta literaria pondaliana “Val Nativo” para descubrir algúns dos lugares que inspiraron a obra do bardo Pondal. Trátase dun percorrido a pé desde Ponteceso ata a praia de Balarés polo roteiro homologado PR-G 148. A continuación, farán un alto no camiño para xantar na contorna do areal e, arredor das 15h, rematarán a súa estancia no noso concello cunha visita ao Monte Branco. Ao día seguinte, será a quenda dos maiores. 48 alumnos e alumnas de bacharelato do centro coruñés repetirán experiencia e, seguindo os pasos dos seus compañeiros, sorprenderanse coas anécdotas e curiosidades que agocha o camiño.

Os/as que xa estiveron visitando o noso municipio foron os/as participantes do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, que o pasado sábado realizaron unha visita guiada a algúns dos lugares más emblemáticos da localidade. Acompañados/as polo técnico de turismo municipal, Javier Couto, pola mañá achegáronse ata o MELGA, onde puideron revivir xogos e xoguetes da súa infancia xunto ao seu director, Ricardo Pérez y Verdes. Tras un paseo polo malecón do Couto e o esteiro do río Anllóns, os 25 sendeiristas xantaron nun restaurante local e, xa pola tarde, completaron a súa estancia cunha excursión ao Monte Branco, o Cabo Roncudo e Balarés.

Desde a Concellería de Turismo lembramos que para participar nesta iniciativa só é preciso descargar o formulario de solicitude para grupos, entidades ou centros escolares que se atopa na web municipal (www.ponteceso.gal), cubrilo e mándalo por correo electrónico a turismoponteceso@ponteceso.net. Nun prazo de tres días recibirán resposta. A actividade é de balde e o único requisito esixido é superar os 15 participantes.

Concello de Ponteceso