Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O servizo de orientación laboral mancomunado entre Ponteceso e Cabana formou a 55 persoas na manipulación de alimentos

O obxectivo desta acción formativa é facilitar a inserción laboral dos/as participantes, na súa maioría mulleres, no sector da alimentación

Co obxectivo de aproveitar as excelentes expectativas de contratación que ofrece nestes momentos o sector cárnico, o servizo de orientación laboral mancomunado entre os concellos de Ponteceso e Cabana de Bergantiños vén de organizar un curso de manipulación de alimentos impartido pola Xefatura Territorial de Sanidade da Xunta de Galicia no que se formaron un total de 55 persoas, na súa maioría mulleres de ámbolos dous concellos.

Esta iniciativa enmárcase no funcionamento ordinario do servizo. “Cando sabemos que unha empresa busca determinados perfís contactamos con ela para coñecer as súas necesidades e dalgún xeito intermediamos cos posibles candidatos ou candidatas que figuran na nosa bolsa de emprego ou, coma neste caso, aproveitamos as posibilidades de formación que se nos ofrecen”, explica a orientadora laboral, María José Pensado. Grazas a esta acción formativa agárdase mellorar as posibilidades de inserción de 55 persoas desempregadas.

Entrega de carnes e charla
De feito, o acto de entrega dos carnés, ao que asistiron os alcaldes de Cabana, José Muíño Domínguez, e Ponteceso, Lois García Carballido, complementouse cunha charla impartida por Miguel García Silvarredonda, profesor de hostalaría no CIFP Paseo das Pontes e responsable do plan de I+D+i de Industrias Cárnicas Domínguez, unha empresa de Vimianzo que está a apostar pola formación propia e pola contratación de mulleres para cubrir o baleiro de profesionais existente.

O poñente explicou que Industrias Cárnicas Domínguez está a apostar, fundamentalmente, pola incorporación de mulleres maiores de 45 anos e con responsabilidades familiares para traballar a media xornada, unha oportunidade escasísima na nosa contorna e que desde o servizo de orientación laboral se considera moi importante aproveitar. “Levamos organizados catro curso de formación, porque queremos profesionalizar o traballo, e de todos os cursos se contrata xente”, asegurou Silvarredonda, que convidou ás participantes no curso de manipulación a facerlle chegar os seus currículos a través do servizo de orientación laboral.

Servizo municipal
Esta tarefa é unha das que vén desempeñando o servizo, que está financiado pola Xunta de Galicia e que funciona tres días á semana en Ponteceso e dous en Cabana. “Traballamos cunha axenda que establece a Xunta, pero tamén atendemos a xente que vén pola súa conta ou que está en mellora de emprego, sobre todo para cuestións como a busca activa por conta allea, optimización da oferta formativa, técnicas de busca de emprego, currículo e asesoramento en xeral que poida resultar de utilidade para a mellora da empregabilidade”, explica María José Pensado.

Concello de Ponteceso