Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso recupera o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas e pon en valor a fervenza da Brixería

Os traballos de acondicionamento do espazo, que xa están en marcha, inclúen a habilitación dun miradoiro debaixo do salto de auga

O goberno municipal de Ponteceso está a converter en realidade o seu compromiso coa recuperación dos elementos etnográficos máis significativos do noso concello e a súa posta en valor desde unha perspectiva sostible. Entre as actuacións que estamos a levar a cabo destaca o proxecto de recuperación do Rego das Bouzas, un conxunto dunha ducia de muíños que ten a particularidade da existencia dun espectacular salto de auga: a fervenza da Brixería.

O abandono deste importante espazo natural durante décadas provocou o deterioro das construcións, o crecemento desmesurado da vexetación e a perda dos antigos sendeiros que comunicaban os muíños, hoxe practicamente ruinosos. Como ben reflicte o proxecto da actuación que estamos a acometer, “elementos etnográficos coma pontellas, muíños con cubrición de pedra, canles ou elementos naturais coma a cascada ou as especies arbóreas autóctonas, son engulidas por especies invasoras que inundan os diferentes tramos deste rego”.

Obxecto da actuación
Para poñer fin a esta situación puxemos en marcha un proxecto que se desenvolverá en varias fases. Nesta primeira que estamos a desenvolver tratamos de restablecer o acceso desde o núcleo da Brixería e de recuperar unha senda para comunicar catro dos muíños que integran o conxunto, ademais de rehabilitar un deles e de crear un pequeno espazo para a contemplación da espectacular fervenza.

O camiño de acceso acondicionarase cun tratamento similar ao utilizado no malecón e quedarán preparadas as canalizacións para futuras instalacións de electricidade ou telefonía. No resto dos camiños está previsto consolidar o terreo natural combinando zonas con escaleiras de bloques de pedra de granito e lousados do mesmo material que marquen a ruta. A actuación inclúe tamén a rehabilitación dun muíño con materiais tradicionais. E, por último, crearanse zonas de descanso con bancos, un dos cales estará situado xusto debaixo da fervenza.

De cara ao futuro pretendemos seguir mellorando o conxunto etnográfico do Rego das Bouzas actuando noutros treitos e continuando coa recuperacións dos elementos tradicionais deste espazo natural.

Concello de Ponteceso