Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A área de Normalización e a Asociación de Empresarios de Ponteceso lanzan unha campaña de promoción lingüística dirixida ao comercio de proximidade

A iniciativa inclúe o reparto de bolsas, carteis e adhesivos entre os comerciantes locais para promover o uso do galego tanto na súa publicidade como na atención ao cliente

A piques de celebrar o Día das Letras Galegas, a Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe o nacionalista Carlos Penedo Casmartiño, está decidida a incrementar as accións do seu departamento para fomentar o uso do galego máis alá do ámbito cultural e educativo. Neste senso, vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de promoción lingüística, dirixida ao comercio local, en colaboración coa Asociación de Empresarios de Ponteceso.

Entre os principais obxectivos desta iniciativa destacan o interese por implicar aos comerciantes do municipio no fomento da nosa lingua e concienciar sobre as vantaxes de empregar o galego tanto na súa publicidade como na atención directa aos clientes, “contribuíndo así entre todos/as a unha maior normalización do idioma no ámbito máis cotiá, o do comercio de proximidade”, segundo destaca o responsable da área municipal.

O departamento de Normalización repartirá entre os comerciantes locais un lote de produtos editados en galego, no que se incluirán bolsas de papel co lema Merca no comercio local. Merca en Ponteceso, carteis anunciando a próxima campaña de rebaixas e adhesivos para decorar agasallos con diferentes mensaxes de parabéns.

Coa intención de involucrar a todo o comercio local, a campaña estenderase polos establecementos de diferentes sectores: tendas de roupa, complementos, zapaterías, librerías, comercios de artigos de pesca, xoiarías, teas, ópticas, parafarmacias e comercios destinados á venda de pequeno electrodoméstico.

Concello de Ponteceso