Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O plan especial de protección, infraestruturas e dotacións da Pedra da Serpe atópase en fase de consulta pública

O obxectivo do plan, que comeza a súa tramitación coa solicitude de avaliación ambiental estratéxica, é establecer as condicións de protección, divulgación e observación do elemento patrimonial

O Concello de Ponteceso quere protexer, pero tamén divulgar, a Pedra da Serpe en relación coa súa contorna, e con esa intención vén de iniciar a tramitación dun plan especial que abrangue unha superficie de 5.600 metros cadrados. O primeiro paso do proceso, que aínda será longo, é a solicitude de avaliación ambiental estratéxica, que leva consigo a apertura dun período de consultas para recoller as achegas da cidadanía. Nesa fase estamos nestes momentos, e as persoas interesadas atoparán toda a información, xunto coas canles para formular observacións e suxestións, pinchando aquí.

A protección da Pedra da Serpe, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, trata de poñer fin á precaria situación na que se atopa este importante elemento patrimonial, nun cruce de camiños e moi preto do paso de vehículos. De feito, tal como se explica no documento inicial do plan especial a cruz que o coroa foi derrubada hai anos por un tractor e substituída por outra nova. Así mesmo, en todo o ámbito non hai puntos de información nin un espazo para sentarse e observar, e a xente que se achega en coche non ten onde aparcar.

Todo iso, segundo explica o concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo, é o que pretende atallar o documento. Fundamentalmente establécense dúas liñas de actuación: para a protección da Pedra da Serpe, o afastamento do tráfico rodado para evitar que poida sufrir máis danos, e para a súa divulgación, a creación dun espazo de lecer e interpretación do monumento e mesmo doutros petróglifos próximos.

As medidas concretas resúmense nas seguintes:
-Análise da contorna da Pedra da Serpe en previsión da existencia doutros elementos de interese.
-Creación do Parque da Pedra da Serpe, que facilite a observación do monumento, o seu respecto e protección, e que ao mesmo tempo funcione como centro de interpretación ao aire libre.
-Recuperación do camiño tradicional á beira do Rego de Guxín, actualmente intransitable, e creación dun sendeiro peonil desde a zona de aparcamento ata o parque.
-Rehabilitación e incorporación do antigo muíño ao parque, poñéndoo en valor e utilizándoo como soporte de información.
-Limpeza e recuperación do Rego de Guxín.
-Limitación da plantación de piñeiros e eucaliptos.
-Creación dunha zona de apoio que inclúa un aparcamento para turismos e autobuses, así coma aseos.
-Desviación do tráfico rodado para evitar máis danos no monumento.
A información detallada pode consultarse e descargarse na ligazón indicada anteriormente

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso