As sesións, impartidas pola empresa de economía social Máis Porvir, celébranse na biblioteca os martes e os xoves ao longo do mes de xuño
Xa está en marcha o segundo obradoiro do programa
Actívate 2018, posto en marcha pola Concellería de Servizos Sociais de Ponteceso para incrementar a oferta de ocio e o tempo de lecer dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida e participación social.
Tras o éxito acadado no curso de
arranxos florais, no que participaron 26 mulleres e que foi clausurado polo alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, continúa a programación cun taller de artes manuais centrado na aprendizaxe da técnica
patchwork. Nesta ocasión contamos coa participación de 27 mulleres das diferentes parroquias.
A xornada inaugural tivo lugar onte na biblioteca do Centro Cultural e contou coa asistencia da titular da área, que non quixo perder detalle do comezo dunha actividade que promete ser tan entretida e didáctica como divertida.
As clases, impartidas pola empresa de xestión social Máis Porvir, divídense en dous grupos para garantir un maior aproveitamento do curso e unha atención máis personalizada. Así, 13 alumnas participarán nas sesións dos martes e 14 nas dos xoves. O horario será nos dous casos de 17.00 a 19.00 durante todo o mes que dure a actividade.
Durante o obradoiro de patchwork, as alumnas aprenderán a confeccionar orixinais deseños, a partir da unión de anacos de telas, poñendo así a proba a súa creatividade e bo gusto á hora de crear novas prendas. Permanece atentos/as a súa evolución porque ideas non lles han faltar!