Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O obradoiro de lectura asistida con cans resultou un éxito de participación e unha experiencia incrible para a infancia

Ademais de contribuír ao fomento da lectura, a actividade permitiu difundir entre os/as participantes boas prácticas en relación coas mascotas

15 nenas e nenos do noso concello viviron na xornada de onte unha experiencia incrible, gratificante e moi enriquecedora. O obradoiro de lectura asistida con cans foi todo un éxito. Tanto é así que estamos convencid@s de que o concelleiro Carlos Penedo vai ter moitas peticións para que se repita.

A auténtica protagonista da tarde foi Nuba, unha preciosa Golden Retriever de 4 anos con máis paciencia ca unha santa. Deixouse sobar e ser utilizada como almofada, xogou cos nenos e as nenas e asistiu coma unha máis a todas as actividades do obradoiro, que foron moitas.

A actividade comezou coas presentacións de rigor entre Nuba e os seus novos amigos e amigas. Despois tocou a lectura de libros como La niña que sabía de perros, moi apropiado para introducir a comunicación cos cans; Sultán non ten microchip, unha aventura dos Bolechas para mentalizar sobre as necesidades e as obrigas dos propietarios de mascotas; ¡No!, que explica a maneira diferente que teñen os cans de ver o mundo, e Galgui, sobre abandono.

A continuación os 15 nenos e nenas participaron nunha serie de actividades para saber que é o primeiro que hai que facer cando se ten unha mascota, como hai que sacalas a pasear ou como se debe saudar a un can, e dun xeito práctico tamén realizaron actividades coma o peiteado de Nuba ou a elaboración de cans de papel.

O concelleiro Carlos Penedo realizou unha valoración moi positiva da iniciativa, promovida pola área de Biblioteca en colaboración co Centro Veterinario A Ponte e a empresa Cadelar, especializada en intervencións asistidas con animais.

Concello de Ponteceso