Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O patrimonio da península de Corme, máis preto da poboación escolar grazas ao programa municipal de visitas guiadas

A Concellaría de Patrimonio organizou o día 15 unha primeira saída co alumnado do CEIP Eduardo Pondal e mañá realizará outra co do CEIP As Forcadas

Non hai mellor forma de valorar o noso patrimonio que coñecéndoo. Por iso, dende a Concellaría de Patrimonio estamos a desenvolver un programa de visitas guiadas para a poboación escolar que perseguen, precisamente, promover entre os nenos e as nenas as necesidades de conservación do noso legado, ademais de axudalos a comprender a continuidade cultural e as relacións existentes entre as crenzas actuais e as ancestrais.

Nesta ocasión o programa desenvólvese na península de Corme. Na primeira visita, que tivo lugar o día 15, participou o CEIP Eduardo Pondal, e mañá mércores é a quenda do alumnado do CEIP As Forcadas.

Despois dunha introdución previa dedicarán toda a mañá a coñecer máis de preto o faro de Brantuas, o cruceiro de Corme Aldea, A Fieiteira, a Pedra da Serpe e a praia da Ermida. Todos estes puntos de interese configuran unha lección multidisciplinar sobre prehistoria e coñecemento do medio, ademais de fomentar hábitos de vida saudables, xa que parte do percorrido realízase a pé, e as relacións interxeracionais, xa que como tarefa previa propónselles aos nenos e nenas que pregunten na casa sobre lendas, historias ou lembranzas dos maiores.

O concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo, acompañou o día 15 aos escolares de Ponteceso e mañá estará cos de Corme. Carlos Penedo destaca a importancia de achegar o coñecemento da contorna e da importante riqueza patrimonial do noso concello a toda a poboación, empezando polos máis pequenos e pequenas.

Concello de Ponteceso