Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Excursións, deporte, natureza e marchas nocturnas centran a programación de verán

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 26 ao 28 de xuño agás para surf e piragüismo, que será do 16 ao 18 de xullo

Comeza a temporada estival e no Concello de Ponteceso xa temos en marcha a programación do verán cun calendario repleto de citas deportivas e culturais para gozar ao máximo do tempo de ocio e lecer durante os meses de xullo e agosto. Este ano, desde os departamentos de Cultura e Deportes elaboramos unha chea de propostas para todos os gustos e idades ás que tamén se sumarán algunhas das citas gastronómicas, musicais e turísticas máis importantes e tradicionais do noso municipio.

O deporte e o contacto coa natureza centrarán boa parte da oferta lúdica municipal programada para que aos nenos/as e mozos/as do noso concello, con idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos, desfruten dun verán con moita acción e aventura tanto dentro como fóra do municipio, e as súas familias poidan conciliar mellor a vida familiar, laboral e persoal.

Unha viaxe a Asturias, unha estancia nun parque multiaventura, campamentos deportivos, campus de fútbol e ata a Campaña de Vela da Deputación da Coruña son algunhas das actividades previstas para a primeira quincena de xullo. Pero o mes completarase co Campamento Deportivo da Deputación Provincial, organizado en colaboración co Concello, e varios cursos de iniciación ao pádel e ao piragüismo para achegar aos máis novos a unhas disciplinas deportivas que están a gañar cada vez máis adeptos.

Outro dos grandes atractivos para os máis pequenos/as (e para os/as que non o son tanto) será a excursión programada para o dia 23 ao Aquapark de Cerceda, coa que gozarán dunha intensa xornada de atraccións acuáticas.

En agosto, os e as amantes do surf estarán de parabéns grazas a un curso intensivo dunha semana de duración que se desenvolverá na Praia da Ermida, en Corme. Para a realización das actividades acuáticas é imprescindible saber nadar.

Para adultos
Pero na programación municipal de verán tamén terán cabida os adultos. Todos os xoves á noite, agás o 26 de xullo, realizaranse marchas de carácter turístico e cultural por diferentes localidades e espazos de interese do municipio para amosar e poñer en valor a riqueza natural e patrimonial que nos rodea. A actividade, que dará comezo ás 22:00 horas, está dirixida a maiores de 12 anos.

As persoas que desexen participar nalgunhas das actividades programadas deberán inscribirse no Concello de Ponteceso do 26 ao 28 de xuño, ambos incluídos, de 9 a 14 horas, agás os/as interesados/as en anotarse nos cursos de piragüismo e/ou surf, que deberán facelo do 16 ao 18 de xullo. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e con preferencia para os empadroados/as no municipio. Máis información nos teléfonos 981 971 719 (Deportes) e 881 983 683 (Cultura) ou en www.ponteceso.net.

Outras actividades
Ademais da ampla programación elaborada polas áreas de Cultura e Deportes, o verán chega cargado doutras moitas citas gastronómicas, turísticas e musicais organizadas polo Concello de Ponteceso (Mago Antón, III Feira Mariñeira Artesana, 26º Día da Bicicleta, XV Ruta Cicloturística por Corme e Velada Cultural) ou en colaboración con outras asociacións locais (XXVI Festa do Percebe, Festival de Habaneras, Travesía a nado Balarés, Trofeo Concello de Fútbol e XXV Feira Exposición Paseo do Cabalo).

Consulta o programa completo e con todos os detalles no folleto adxunto.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso