Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Volve a Escola de Verán á aldea do Couto cunha programación centrada na seguridade viaria

Os nenos e nenas de 3 a 16 anos que desexen participar poden inscribirse na Casa dos Veciños os sábados de 12 a 14 h e de 17 a 18 h

Este verán non vai haber tempo para o aburrimento. Ao programa de actividades elaborado polas áreas municipais de Cultura e Deportes sumarase este mes, como xa vén sendo habitual, a Escola de Verán de O Couto, organizada pola Fundación Eduardo Pondal en colaboración coa Fundación Barrié, a Deputación Provincial da Coruña e os concellos de Malpica, Laxe, Cabana e Ponteceso, entre outras entidades.

Obradoiros, xogos, charlas, simulacros, xornadas de concienciación, saídas nocturnas en familia e ata unha guía de boas prácticas forman parte da ampla programación que se vai desenvolver do 23 de xullo ao 26 de agosto. Máis dun mes de aprendizaxe e diversión para nenos e nenas de 3 a 16 anos de idade que residan nalgúns dos catro municipios colaboradores.

Seguridade viaria
Este ano a temática escollida é a seguridade viaria co obxectivo de descubrir aos nosos rapaces e rapazas a importancia das normas circulación, creando actitudes de responsabilidade e respecto como peóns e como condutores de bicicleta. Así mesmo, os/as participantes tamén recibirán nocións básicas de primeiros auxilios ante unha situación de emerxencia e coñecerán de preto as consecuencias dos accidentes de tráfico e dos comportamentos neglixentes nas estradas con testemuñas reais que acudirán a relatar as súas propias experiencias.

Para fomentar a implicación activa dos más cativos/as tamén se realizará unha guía de boas prácticas e a creación de sinais e medidas de protección que fagan máis segura a contorna da Fundación.

Un equipo formado por once monitores/as voluntarios/as, con titulación en tempo libre, universitarios e/ou graduados, formados/as previamente en educación viaria por expertos cualificados, será o encargado de atender ao alumnado participante e desenvolver as actividades que se levarán a cabo de 11:00 a 13:30 horas, tanto na sede da Fundación Eduardo Pondal como nas instalacións culturais do Couto (Ponteceso).

Concello de Ponteceso