Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A instalación de pasarelas de madeira mellora a accesibilidade nas praias de Balarés, Ermida e Osmo

O Concello realiza un investimento de 48.000 euros, no que tamén se inclúe o acondicionamento dun treito da ruta homologada de Ponteceso a Corme

Esta semana procedeuse á instalación de pasarelas de madeira nas tres praias con bandeira azul do noso concello: Balarés, Ermida e Osmo. Nesta última traballaban hoxe os operarios da empresa que as está colocando para que de cara á fin de semana poidan ser utilizadas xa polos usuarios dos areais. O obxectivo desta actuación, de feito, é a mellora da accesibilidade, facilitando que as nosas praias poidan ser utilizadas sen problemas por persoas con dificultades de mobilidade e mellorando os servizos que se prestan tanto á veciñanza coma a visitantes nesta época do ano.

A instalación das pasarelas ten un custo de 48.000 euros, co-financiados polo Concello de Ponteceso e a Xunta de Galicia mediante unha subvención para infraestruturas turísticas. Con ese investimento, ademais das pasarelas de madeira de pino do país tratada para soportar as condicións meteorolóxicas do litoral, tamén se procedeu ao acondicionamento dun treito da ruta homologada PRG148, de Ponteceso-Corme, que presentaba importantes danos, entre eles o derrube de valados, o que obrigou a reconstruílos, así coma a canalizar as augas ou a rozar, entre outras labores.

O turismo sostible é un obxectivo permanente do goberno municipal de Ponteceso, que está a traballar desde diferentes frontes para que tanto os nosos veciños e veciñas coma as persoas que nos visitan poidan gozar das nosas paisaxes, do noso litoral e do noso patrimonio nas mellores condicións.

Nesa busca constante da calidade, este ano implantamos o servizo de salvamento e socorrismo non só nas tres praias con bandeira azul, senón tamén na de Niñóns os domingos e festivos, dado que son os días con maior afluencia de visitantes. Nestes momentos están a traballar no servizo de salvamento acuático un total de 11 profesionais.

Concello de Ponteceso