Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Convidamos a toda a veciñanza de Corme a sumarse á noite escura para contemplar o eclipse de lúa mías longo do século

Para a primeira xornada da III Feira Mariñeira Artesá só haberá luz no escenario da Praza da Ribeira para a actuación da cantante Andrea Pousa e os postos estarán iluminados con candís

A casualidade quixo que a xornada inaugural da III Feira Mariñeira Artesá de Corme coincida co eclipse de lúa máis longo do século. Ante un fenómeno astronómico de tal envergadura, desde o Concello de Ponteceso queremos que todo o mundo poida desfrutalo nas mellores condicións posibles, e por iso, ademais de recomendar buscar un punto alto e sen obstáculos no sureste, facilitaremos a visibilidade cun apagón que afectará a todo o alumeado público da vila cormelá. Se queredes sumarvos a esta noite escura só tedes que apagar as luces das vosas casas, un xesto simbólico co que, ademais, podemos demostrar o noso compromiso co medio ambiente.

En principio prevese que o eclipse sexa visible desde as 21.30 ata as 23.15 horas. Por iso mañá non se acenderá o alumeado público en Corme á hora de costume e permanecerá apagado xa ata a primeira hora do sábado. Pero, para que ademais de ver nas mellores condicións o fenómeno coñecido coma ?lúa de sangue? poidades gozar da incomparable voz de Andrea Pousa a partir das 23.00 horas, o escenario da Praza da Ribeira terá iluminación para a actuación da cantante, a primeira das grandes estrelas da música galega que pasarán por Corme esta fin de semana.

Andrea Pousa presenta "Respirar", o seu primeiro disco
A cantante e actriz de Tomiño presentaranos Respirar, o seu primeiro álbum en solitario despois de máis de 15 anos de experiencia sobre os escenarios. Neste disco preséntanos cancións orixinais e diversas, nas que mestura tradición e vangarda, e unha versión innovadora da Negra sombra de Rosalía de Castro. Producido polo compositor e músico Nani García, trátase dun traballo elaborado con moito gusto que sabe sacar a verdadeira esencia de Andrea Pousa, con unha calidade musical e artística moi sofisticada.

A III Feira Mariñeira Artesá de Corme será inaugurada mañá ás 19.30 horas polo alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Turismo, Susana Toja. Despois do acto oficial empezará a soar a música co grupo My Way, que estará en Corme durante as tres xornadas para animar as rúas. Esta primeira xornada terá como broche a actuación estelar de Andrea Pousa.

Ás 19.30 horas abrirán as súas portas tamén os medio centenar de postos de artesanía e gastronomía que integran a feira, que encherá a nosa vila de animación durante toda a fin de semana, e que nesta primeira xornada tamén se sumarán á noite escura e estarán iluminados con candís.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso