Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Festicultores, De Vacas e Adhara & Ritman, a música galega máis actual animará a segunda xornada da Feira Mariñeira

O escritor e actor cormelán Suso Lista é o pregoeiro desta terceira edición

De VacasMañá sábado celebraremos a segunda xornada da III Feira Mariñeira Artesá de Corme coa música galega coma protagonista. Ademais dos pasarrúas de My Way, que se encargarán de animar a vila durante os tres días de feira, na Praza da Ribeira contaremos coa presenza de tres dos grupos máis divertidos e rompedores do momento: Festicultores, que actuará na sesión vermú, e De Vacas e Adhara & Ritman, que ofrecerán o concerto nocturno. E, xunto a todo isto, medio cento de postos de artesanía e gastronomía que estarán abertos desde as 11.00 horas, e o pregón do escritor e actor cormelán Suso Lista.

Toma nota dos horarios
• 11.00h. Apertura dos postos da III Feira Mariñeira Artesá
• 12.00-14.00h. Pasarrúas do grupo My Way
• 14.00h. Concerto de Festicultores
• 20.00-22.00h. Pasarrúas do grupo My Way
• 22.45h. Pregón de Suso Lista
• 23.00h. Concerto de De Vacas
• 01.00h. Concerto de Adhara & Ritman

Os grupos, un a un
Festicultores é unha banda con máis de dez anos de historia e centos de actuacións por países coma Portugal, Francia, Serbia, Polonia, España... e cunha habilidade que os fai únicos: a de cultivar a festa máis vigorosa alá onde vai a base de música, humor, baile e desinhibición cerebral. Non hai quen poida con eles!

De Vacas. Aínda que deron o salto con Amodiño - unha versión moi particular do famosísimo Despacito de Luis Fonsi-, Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz comezaron versionando ás Spice Girls, ás que adoraban de nenas, ata que se quedaron sen repertorio, e decidiron reinventar e galeguizar os grandes éxitos do verán. Acudirán a Corme acompañadas á guitarra por Guillermo Fernández, coma sempre, e dispostas a que o pasedes tan ben como o pasan elas no escenario.

Adhhara & Ritman son Adhara Caamaño Sestayo, Andres José Castro García, Tito Barbeito Fernándea e Arturo Kress, un cuarteto que xa coñecemos porque nos acompañou o ano pasado e que deixou tan bo sabor de boca que decidimos volver a contar con eles. O seu repertorio está integrado por cancións populares galegas adaptadas ao reggae e temas propios nos que fusionan folk, blues e swing.

Concello de Ponteceso