Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Patrimonio impulsa a elaboración da cartografía mítica do Cabo de Corme

O proxecto “Corme, territorio sobrenatural” trata de poñer en valor un recurso patrimonial, medioambiental e cultural único

O cabo de Corme é un lugar único e irrepetible, cun valor patrimonial, medioambiental e cultural que debemos preservar e poñer en valor. Con ese obxectivo, desde a Concellaría de Patrimonio estamos a traballar na elaboración da cartografía mítica dunha área xeográfica integrada polas parroquias de Santo Adrián e Nosa Señora dos Remedios, e, parcialmente, polas de San Xoán de Niñóns e San Xián de Brantuas.

Un equipo técnico integrado por Ana Isabel Filgueiras Rei, especialista en arqueoloxía e antropoloxía, e Antón Bouzas Sierra, que se ocupará da parte e arqueoastronomía e paisaxismo, está a documentar e estudar a cartografía mítica do Cabo de Corme para evitar a súa perda irreversible pola desaparición das últimas persoas depositarias dun legado cultural custodiado e transmitido pola tradición oral.

Porque nesta cartografía non se inclúe unicamente un mapa xeográfico, senón _como explica o concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño_ o legado cultural que está ligado a lugares e ámbitos específicos do territorio que posúen significados que urxe cartografar para evitar que acaben esquecidos, e mesmo para recuperar algúns desaparecidos. Son enclaves nos que a tradición oral sitúa o movemento dos seres míticos, en moitos casos cristianizados e reinterpretados, noutros aínda fieis á súa orixe pagá ou precristiá. Son, en calquera caso, referentes territoriais de enorme valor simbólico, e que precisamente por iso se converten nun patrimonio único.

O traballo recompilará rituais, crenzas, cerimonias, prácticas curativas tradicionais, recitados, esconxuros... En definitiva, todo o imaxinario dun territorio sobrenatural non só desde o punto de vista xeográfico, medioambiental ou paisaxístico, senón tamén simbólico. E con toda esa documentación elaboraremos a cartografía mítica e a carta arqueoastronómica do Cabo de Corme, así coma un rexistro toponímico.

Deste xeito poderemos recuperar e compatibilizar as novas necesidades e os usos actuais dese territorio coa pervivencia de valores culturais que o dotan de identidade e singularidade e tamén á xente que o habita; impulsar o desenvolvemento sostible a través de usos forestais, agrícolas e pesqueiros compatibles; establecer áreas de actuación en materia de reintegración cultural ou promover a investigación neste eido.

En definitiva, un traballo moi interesante que iremos compartindo con todas e todos vós.

Concello de Ponteceso