Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Trece locais de hostalaría de Corme participarán a vindeira fin de semana na IV Ruta de Pinchos ?Do mar ao bar?

A iniciativa da Concellaría de Turismo inclúe, ademais dunha variada oferta de petiscos elaborados con produtos do mar, actuacións musicais e maxia

O noso concello volverá a converterse a vindeira fin de semana en parada obrigada para os amantes da boa cociña e dos produtos do noso mar. Por cuarto ano consecutivo, a Concellería de Turismo, que dirixe Susana Toja, pon en marcha en Corme a Ruta de Pinchos ?Do mar ao bar? coa intención de promover o turismo gastronómico e poñer en valor a longa tradición mariñeira da vila. Trece establecementos de hostalaría sumaranse a esta iniciativa ofrecendo pinchos de balde con cada consumición. Grazas á colaboración da Concellaría de Cultura e da Deputación Provincial da Coruña, a música e as actividades infantís estarán presentes ao longo da xornada do sábado e alongarán a festa ata o domingo.

A IV Ruta de Pinchos celebrarase o sábado 18. De 12 a 15 h e de 20 a 23h, os 13 locais de hostalaría participantes ofrecerán aos seus clientes ata 16 pinchos diferentes nunha maridaxe perfecta entre tradición, innovación e creatividade. Se non queres quedar sen probalos, toma boa nota dos establecementos colaboradores e pásate a degustar as súas creacións. Son estes:

Restaurante Espiña (caldeirada de maragota), Bar O Cabazo (bacallau en salsa e salpicón de mexillón), Restaurante Miramar (mexillón en salsa), Café-Bar Faro Roncudo (fideuá de choupa e tortilla de gulas e gambas), Bar Osmo (pinchos mariñeiros), Bar Casino (fideuá de marisco), Bar Lista (paella mariñeira), Bodegón O Labrego (paella e marmitako), Bar Río da Roda (pincho mariñeiro), Chiringuito de Pepe (xurelo á brasa), Cervecería Bernaldo (mexillón en salsa mariñeira), Bar de Lao (croquetas mariñeiras) e Taberna A Torriña (pemento recheo de arroz con calamar na súa tinta).

Pero durante a primeira xornada festiva, a música tamén será outra das protagonistas. De 20 a 23 horas, os sons tradicionais da A.C. Inllar do Couto percorrerán as diferentes rúas da localidade para amenizar unha velada musical que rematará na Praza do Pan coa posta en escena do espectáculo Viva a Zarzuela, previsto para as 22:30 horas.

O mago Antón, en Corme e Ponteceso
O domingo 19 será a quenda dos máis pequenos/as. A partir das 11:00 horas, o Mago Antón estará na Praza da Ribeira co seu último traballo de ilusionismo. Aparicións, desaparicións, levitacións, transformacións ou cartomaxia serán algúns dos números cos que, sen dúbida, sorprenderá a nenos/as e maiores. Preto dunha hora de espectáculo con divertidos e orixinais xogos de maxia que deixarán coa boca aberta a toda a familia. Haberá tres sesións, ás 11, 12 e 13 horas. O camión do Mago Antón estará pola tarde na Praza do Relleno de Ponteceso, onde ofrecerá outras tres funcións ás 19, 20 e 21 horas.

Concello de Ponteceso