Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso SD e Corme CF disputarán a vindeira fin de semana o Trofeo de Fútbol Concello de Ponteceso

Os equipos das categorías infantil, xuvenil, cadete, sénior e veteranos competirán os días 18 e 19 no Pinguel

Como xa vén sendo habitual por estas datas, a vindeira fin de semana regresa ao noso concello unha das citas deportivas máis agardadas do verán: o Trofeo de Fútbol Concello de Ponteceso, no que participarán os equipos de cinco categorías de dous grandes do fútbol local, o Ponteceso SD e o Corme CF. Durante dous días, afeccionados e seguidores poderán volver a desfrutar do mellor xogo e animar aos seus clubs no Campo do Pinguel neste clásico organizado polos propios clubs e a Concellaría de Deportes.

O sábado 18, os primeiros en saltar ao céspede serán os xogadores das categorías inferiores de ámbolos equipos. Ás 16:30 horas dará comezo o primeiro dos cinco encontros, no que se enfrontarán os infantís, e de seguido, ás 18:30 horas, os xuvenís. O domingo 19 xogarán os veteranos (11h) nun partido que promete emoción e bo xogo con algunhas das caras máis coñecidas do fútbol local. Xa pola tarde será a quenda das categoría cadete e sénior, ás 16:30 e 18:30 horas, respectivamente.

O concelleiro de Deportes Marco Varela anima e convida a toda a afección e veciñanza en xeral a achegarse ata o campo municipal para gozar dun evento que xa se está a converter nun clásico da temporada estival no que non faltará bo fútbol e moita emoción. Agardámosvos!

Concello de Ponteceso