Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Patrimonio organiza para o 1 de setembro unha “Noite de estrelas e mitos no faro de Brantuas”

A participación na actividade está limitada a 40 persoas, que poden inscribirse xa no teléfono 981 715 442

O Monte Faro de Brantuas, a Illa da Estrela e a Pedra da Serpe de Gondomil constitúen, xunto con outros elementos patrimoniais, o excepcional territorio mítico e sagrado de Corme.

Desde a Concellaría de Patrimonio estamos a promover distintas iniciativas para recuperar, protexer e difundir ese gran valor patrimonial, medioambiental e cultural.

Con ese obxectivo, por exemplo, traballamos na elaboración da cartografía mítica dunha área xeográfica integrada polas parroquias de Santo Adrián e Nosa Señora dos Remedios, e, parcialmente, polas de San Xoán de Niñóns e San Xián de Brantuas. E agora, de forma paralela, organizamos unha actividade aberta á poboación que nos permitirá explorar a cosmovisión do mundo antigo e a mitoloxía galaica desde este antigo promontorio oceánico.

O sábado 1 de setembro celebraremos unha Noite de estrelas e mitos no faro de Brantuas, unha ruta nocturna que partirá da praia da Ermida e levaranos tamén pola Pedra da Serpe e a Illa da Estrela. Esta actividade guiada comezará ás 21 horas e terá unha duración aproximada de 3 horas.

A participación está limitada a 40 persoas. As interesadas poden inscribirse xa no número de teléfono 981 715 442, en horario de 09.00 a 14.00. Recoméndase levar roupa e calzado axeitados, prismáticos e algo para sentar ou pousar no chan.

Acompáñanos a coñecer os vínculos destes lugares arqueolóxicos co firmamento e iníciate na observación e interpretación da cúpula celeste! Identificaremos estrelas, planetas, constelacións e obxectos distantes do ceo profundo.

O 1 de setembro temos unha cita co universo!

Concello de Ponteceso