Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Manifesto do Concello de Ponteceso contra a violencia de xénero

A concelleira Isabel Vuelta liuno hoxe, na concentración celebrada na Praza do Recheo tras o asasinato machista da veciña de Cabana Ana Belén Varela Ordóñez

Concentración contra a violencia machistaDesde o Concello de Ponteceso queremos expresar con esta concentración simbólica o noso rexeitamento absoluto a calquera forma de violencia, física, psicolóxica ou sexual, exercida contra a muller.

Queremos, ao mesmo tempo, trasladar a nosa solidariedade e apoio aos fillos e ás persoas máis achegadas a Ana Belén Varela Ordóñez, a última vítima da violencia machista, unha persoa coñecida e apreciada por moitos e moitas de nós. A súa morte demostra que a violencia de xénero é un problema de toda a sociedade, e que non podemos permanecer alleos nin impasibles cando unha veciña nosa é asasinada polo simple feito de ser muller.

Con Ana Belén son 26 as mulleres mortas este ano no noso país, tres delas en Galicia. Pero non queremos que nin ela nin as outras 25 se convertan en simples estatísticas. Cada vez que unha muller é asasinada por ser muller fracasamos coma sociedade.

Desde o Concello de Ponteceso non queremos ser cómplices dese fracaso nin dos dramas familiares que provoca. Que esta concentración simbólica de hoxe non quede só nun xesto, senón que sirva como mostra da firmeza de todas as persoas que estamos aquí contra a violencia machista. Oxalá Ana Belén sexa a última. Na súa lembranza imos gardar un minuto de silencio.

Concello de Ponteceso