Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os nenos dos campamentos de verán de Ponteceso e Corme participaron nunha xornada de educación ambiental en Osmo

Esta iniciativa forma parte do Programa Respira, que se vén desenvolvendo desde o mes de xullo para facilitar a conciliación ás familias durante as vacacións de verán

Aínda que as vacacións escolares xa están chegando a súa fin, aos participantes dos campamentos de conciliación de Ponteceso e Corme, impulsados dende a Concellería de Servizos Sociais, aínda lles queda moito verán por diante para seguir desfrutando das actividades incluídas no Programa Respira. De feito, no día de onte, nenos e nenas que participan este ano nos campamentos tiveron a oportunidade de participar nunha xornada de educación ambiental na praia de Osmo, en Corme, ata onde se desprazou tamén a titular da área Isabel Vuelta, acompañada pola técnica municipal de Turismo. Ambas puideron comprobar que, en materia de concienciación cidadá, os peques da casa son un exemplo a seguir, tanto polo seu compromiso como pola súa implicación.

A iniciativa, organizada co obxectivo de amosar aos máis pequenos/as a riqueza natural do noso litoral e conciencialos/as sobre a necesidade de coidar e respectar a contorna, tivo gran aceptación entre os nenos e nenas, que non dubidaron en colaborar activamente en todas as actividades propostas.

A primeira delas, dirixida polo equipo de salvamento e socorrismo, ofreceulles a oportunidade de coñecer de primeira man o importante labor que desenvolven estes profesionais nos nosos areais para garantir a seguridade de bañistas e veraneantes. Ademais de seguir con atención as indicacións sobre o funcionamento dalgúns dispositivos de rescate e primeiros auxilios, algúns nenos/as non deixaron pasar a ocasión de converterse en protagonistas dun simulacro de evacuación.

Ademais, recibiron detallada información sobre os servizos dos que dispoñen as praias distinguidas con Bandeira Azul, que no caso do noso municipio son tres: Osmo, Ermida e Balarés.

Antes de rematar o día, todos/as aportaron o seu gran contribuíndo á limpeza do areal coa finalidade de tomar conciencia sobre a importancia de preservar o medio ambiente e manter en bo estado tanto as praias como o resto de espazos públicos destinados ao uso e desfrute de toda a cidadanía.

Un programa divertido e educativo
Esta xornada de sensibilización ambiental vén a sumarse ao amplo e variado calendario de actividades que elaborou Concellería de Servizos Sociais para este verán, dentro do Programa Respira, coa finalidade de axudar ás familias do noso municipio a conciliar vida familiar, laboral e persoal durante a temporada estival, e ofrecer aos máis cativos/as unha oferta lúdica, recreativa e educativa de calidade, na que diversión e aprendizaxe están a ser protagonistas a partes iguais.

Desde principios de xullo son moitas as actividades que se levan realizado, tanto no campamento de Ponteceso como no de Corme, para un total de 42 nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade, e en todas elas a aceptación e acollida están a ser excelentes. Mentres que os obradoiros de artes plásticas e manuais permiten dar renda solta á imaxinación e creatividade dos máis pequenos/as, as actividades musicais e os xogos populares e tradicionais están a potenciar habilidades para moitos/as descoñecidas. E aínda que as visitas culturais e as saídas á praia figuran entre as favoritas de todos os/as participantes, xornadas didácticas como a de onte ou a celebrada a finais do mes pasado sobre educación viaria, na que recibiron a visita de varias unidades motorizadas da Xefatura Provincial de Tráfico e o helicóptero da Garda Civil, foron dous dos pratos fortes deste verán.

Agora toca aproveitar ao máximo o tempo de ocio antes de que remate o mes de agosto e con el os campamentos de verán, que continuaremos realizando de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas no Edificio das Escolas de Ponteceso e de 10:30 a 13:30 horas no pavillón municipal de Corme.

Concello de Ponteceso