Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Clausurados os campamentos de conciliación cunha visita ao Melga e a entrega de diplomas na Casa da Cultura

No acto estiveron presentes o Alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, ademais das familias dos/as participantes

Clausura campamentos de verán 2018Coa entrega de diplomas remataron esta mañá na Casa da Cultura de Ponteceso os campamentos de verán postos en marcha un ano máis pola Concellería de Servizos Sociais, dentro do Programa Respira, para facilitar a conciliación laboral, familiar e persoal das familias do noso municipio e ofrecer unha ampla e variada oferta de ocio e lecer aos máis pequenos/as da casa.

Ao acto de clausura, que estivo precedido dunha divertidísima e moi didáctica visita ao Museo Etnolúdico de Galicia, asistiu o alcalde, Lois García Carballido, acompañado pola responsable da área, Isabel Vuelta González, e numerosos pais e nais, que non quixeron perderse un fin de festa espectacular.

42 participantes

Co remate do mes de agosto e o regreso ás aulas á volta da esquina, hoxe tocou dicir adeus aos campamentos de conciliación iniciados o pasado mes de xullo en Ponteceso e Corme, nos que participaron 42 nenos e nenas do noso concello con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Aínda que a xornada estivo marcada polas despedidas e os flashes das cámaras dos familiares, a protagonista da mañá volveu a ser a diversión e o entretemento. E que mellor escenario para pasalo en grande que o noso Melga! O director do museo, Ricardo Pérez y Verdes, fixo de guía e anfitrión durante unha visita nas que os cativos/as puideron ver, coñecer e probar algúns dos xogos e xoguetes tradicionais galegos cos que se entretiñan os seus pais/nais e avós/as, e sobre os que descubriron un feixe de anécdotas e curiosidades como unhas buxainas exactamente iguais ás que eles/as mesmos/as fabricaron este verán nos obradoiros de artes manuais con obxectos reciclados. Pero o mellor, sen dúbida, chegou cando pasaron á acción poñendo a proba a súa habilidade e destreza con algúns dos máis populares.

A continuación, na Casa da Cultura proxectouse dun vídeo resumo cos mellores momentos vividos este verán, o cal lles será facilitado a todos os/as participantes como recordo do seu paso polos campamentos.

Finalmente, o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais fixeron entrega dos diplomas a cada un dos asistentes, agradecendo a súa participación e convidándoos a formar parte da edición do ano que vén. Así mesmo, Isabel Vuelta salientou a boa acollida que tivo a iniciativa entre as familias ?consolidándose como a principal alternativa de ocio e lecer para os nosos fillos na época estival cunha programación ampla e plural pensada para divertir, ensinar e entreter a partes iguais?.

Obradoiros de artes manuais, música, xogos tradicionais, saídas á praia, visitas culturais e xornadas de sensibilización viaria e ambiental completaron a oferta lúdica deste ano.

Concello de Ponteceso