Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Aberto ata o día 17 o prazo de inscrición para un curso destinado a profesionais de turismo da Costa da Morte

A actividade, promovida polo Concello e o Melga, forma parte dos actos do 5º aniversario do Museo Etnolúdico de Galicia, que se celebrará do 24 ao 30 deste mes

Con motivo da celebración do V aniversario do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), que se conmemorará o vindeiro día 27, o Concello de Ponteceso, a través da Concellería de Cultura, está a traballar xunto coa Fundación Ricardo Pérez y Verdes, na organización de diferentes actividades programadas para a semana do 24 ao 30 do mesmo mes.

Unha das primeiras que se vén de poñer en marcha é a convocatoria dun curso de formación para profesionais de Turismo e Cultura, que leva por título ?Interpretación, márketing e novas tecnoloxías aplicadas ao turismo natural da Costa da Morte?. A actividade, que conta ademais co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, desenvolverase nas instalacións do Centro Cultural do 24 ao 27 deste mes, de 10 a 14h e de 16 a 20h.

As xornadas, que terán unha duración total de 32 horas lectivas, estarán dirixidas e impartidas pola directora de proxectos de Contorna Anfibia- gran especialista e referente docente na materia- María Antonia López Pérez, ademais da participación doutros conferenciantes de primeiro nivel. As clases teóricas terán lugar na sala de conferencias da Biblioteca Municipal mentres que as prácticas realizaranse cunha ruta guiada polas diferentes salas expositivas do Melga.

Esta nova acción formativa está dirixida a traballadores/as de museos e centros de interpretación, empregados/as de empresas de servizos culturais e naturais, axencias de viaxe, técnicos/as de deporte, turismo, desenvolvemento local e cultura así como informadores/as turísticos e público en xeral.

As persoas interesadas en participar poden anotarse ata o vindeiro día 17 ás 14h, tanto no Centro Cultural (Melga) como nas áreas municipais de Turismo e Cultura a través dos teléfonos 981 715 442 e 981 714 400, respectivamente, de luns a venres en horario de 9 a 14 h. Hai 20 prazas dispoñibles que se irán cubrindo por rigoroso orde de inscrición.

Concello de Ponteceso