Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso acondicionou varios camiños rurais para facilitar a mobilidade e recuperar itinerarios tradicionais

As actuacións, executadas por unha empresa local, realizáronse nas parroquias de Cospindo, Brantuas, Corme Porto e Corme Aldea

O Concello de Ponteceso vén de investir 35.000 euros na mellora de varios camiños rurais, facilitando deste xeito a mobilidade nas áreas rurais e traballando en colaboración coa veciñanza para recuperar itinerarios tradicionais. As obras, financiadas con fondos municipais e executadas pola empresa de David Rojo Novo, con sede en Guxín (Corme Aldea), permítennos empezar a paliar a falta de investimentos da Xunta de Galicia, que leva tres anos sen arranxar ningunha pista forestal no noso concello.

Os traballos de mellora leváronse a cabo no Couto, na pista que vai desde a estrada autonómica Ponteceso-Corme á altura da Fonte do Galo ata o lugar de Cobas, no alto das Salgueiras. Foi o investimento máis importante, con 17.109 euros, que permitiu a formación de cunetas e o acondicionamento do firme dun camiño forestal que se atopaba practicamente intransitable.

Como consecuencia das peticións recollidas nas xuntanzas veciñais que impulsamos desde o goberno municipal, tamén acometemos a reparación da pista do alto do Monte do Faro de Brantuas ata Guxín, unha actuación moi demandada pola asociación Nosa Señora do Faro e a comisión organizadora da romaría do 8 de setembro. Neste caso o investimento acadou os 13.455 euros.

As outras dúas intervencións consistiron na mellora da pista que va do campo do fútbol do Cairo, polo lugar de Candelago, ata o Barreiro de Corme Porto, unha obra que permite mellorar a comunicación entre o promontorio de Corme e a estrada de acceso ao faro Roncudo. Na mesma liña de recuperación de camiños tradicionais e posta en valor do noso patrimonio, tamén procedemos á limpeza mecánica de cunetas na contorna de Gondomil.

Concello de Ponteceso