Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Obradoiros, exposicións, música, charlas, contacontos e moitos xogos e deportes tradicionais para celebrar 5º aniversario do Melga

A Fundación Ricardo Pérez Y Verdes, O Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña tamén colaboran coa programación que se desenvolve ata o día 30

Presentación das actividadesO Museo Etnolúdico de Galicia está de parabéns. O vindeiro día 27 conmemórase o V aniversario do Melga e para celebralo a entidade vén de elaborar, en colaboración coa Fundación Ricardo Pérez y Verdes, o Concello de Ponteceso e a Deputación Provincial da Coruña, un amplo e moi variado programa de actividades, que deu comezo esta mesma mañá coa posta en marcha dun curso de formación sobre turismo dirixido, preferentemente, a profesionais da Costa da Morte.


E ademais, como non podía ser doutro xeito, desde hoxe e ata o domingo 30 un montón de propostas lúdicas, deportivas e culturais encherán de diversión e coñecemento a Semana Grande do noso museo, con citas programadas da mañá á noite nas que non faltarán xogos e deportes tradicionais, obradoiros de reciclaxe e confección de xoguetes, presentacións, actuacións infantís, contacontos, exposicións e a entrega dos premios Rodela. Todos os actos, que serán de balde e abertos á participación cidadá, desenvolveranse no edificio do Centro Cultural, onde se sitúa o Melga.

Co curso de ?Interpretación, márketing e novas tecnoloxías aplicadas ao turismo natural e cultural da Costa da Morte? arrincou a primeira hora de hoxe a xornada inaugural dunha semana repleta de actividades para todos os gustos e idades. A esta acción formativa, que se desenvolverá ata o vindeiro día 27 en horario de mañá e tarde, seguiu a presentación dun vídeo-cómic sobre o Melga a inauguración a última hora da mañá da exposición ?Un lustro de actividades na cartografía do Melga?, que poderá visitarse de balde na sala de conferencias do Centro Cultural. E esta tarde a Praza Ribeira de Corme acolle o I Festival de Xogos e Deportes Tradicionais, coincidindo tamén coa celebración da popular Festa dos Remedios.

Programación
Nenos/as e maiores terán unha nova cita coa diversión e o entretemento o próximo mércores 26 durante a celebración de 20 a 22 horas dunha charla ?coloquio titulada ?Recordos lúdicos?, na que se fará un repaso pola historia dos xogos e xoguetes populares que protagonizaron a infancia dos nosos avós e bisavós. En función do público asistente, o evento levarase a cabo na sala de conferencias do Centro Cultural ou na Biblioteca Municipal.

O xoves 27, coincidindo co 5º aniversario do Melga, o director do museo Ricardo Pérez y Verdes dirixirá unha sesión matinal de xogos e deportes medievais, que terá lugar de 11:00 a 13:00 horas no campo exterior do museo pontecesán. A continuación procederase ao acto de clausura e entrega de diplomas aos asistentes do curso de turismo.

Xa pola tarde, os máis pequenos/as da casa terán unha cita co grupo de teatro Trinke Trinke para introducirse no máxico mundo de ?Paxariños? da man do programa de lectura Ler Conta Moito. Será a partir das 18:30 horas na Biblioteca Municipal. E ao día seguinte pola mañá, os que se achegarán ata alí serán os alumnos e alumnas do CEIP Eduardo Pondal para participar nun obradoiro de confección de xogos da natureza e refugallos, impartido pola profesora Manuela Vázquez Coto. De 20 a 22 horas, porase en marcha unha nova sesión de ?Recordos lúdicos? coa participación, nesta ocasión, de varias asociacións veciñais e agrupacións culturais do noso concello.

Durante a fin de semana, as actividades conmemorativas incrementaranse aproveitando o tempo de ocio e lecer da veciñanza. Así, a xornada do sábado dará comezo ás 11:00 horas cun obradoiro de xadrez e xogos de taboleiro antigos, a cargo do profesor Eduardo Dopico Prego, no que tamén está prevista a participación dun grupo de alumnos/as do Eduardo Pondal. A continuación, na sala II do Melga inaugurarase a colección sobre ?Os xogos de inxenio de Juan Antonio Rodríguez Díaz 1961-2014?. Pola tarde, de 17 a 20 horas, a sala I acollerá a realización dun taller sobre recuperación e arranxo de bicicletas clásicas, coordinado por Xabier Pérez González e Miguel Pablo Márquez Varela.

A programación rematará o domingo 30 cunha xornada repleta de actividades para todos os públicos. A primeira será o VII Aberto de Billa de Ponteceso, que se celebrará nas inmediacións do Melga de 10 a 12 horas. De seguido, o polifacético músico e compositor Luis Vallecillo presentará o vídeoclip ?Xogos Populares?, incluído no seu audio-libro Cantamos. Para elo, contará coa participación do alumnado do CEIP Eduardo Pondal. A continuación, procederase á entrega de premios do Aberto de Billa e aos nomeamentos dos galardóns Rodela que darán paso ao acto de clausura, previsto para as 14 h, no que estarán presentes, xunto ao director do museo Ricardo Pérez Y Verdes, varios representantes municipais e agardamos que moitas das 30.000 persoas que durante os últimos cinco anos se achegaron ata as instalacións do Museo Etnolúdico de Galicia.

Concello de Ponteceso