Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O material adquirido polo Concello de Ponteceso para facilitar a actividade do movemento asociativo ten moita demanda

Mesas, moqueta, vallas, cinta de balizamento e conos están a disposición das entidades culturais e deportivas e das comisións de festas para a celebración de eventos

O material adquirido polo Concello de Ponteceso para apoiar o dinamismo do movemento asociativo local tivo moi boa acollida durante a época estival, na que rexistrou un alto nivel de uso.

En concreto, desde o Concello investimos 9.000 euros na adquisición de 40 mesas desmontables de 2 metros de lonxitude, 900 metros cadrados de moqueta para eventos nos pavillóns municipais, ademais de vallas, conos de aparcamento e cinta de balizamento.

A moqueta estreouse na cea-baile organizada pola asociación organizadora das Festas da Barquiña no pavillón da Trabe, e, ao igual ca o resto do material, continúa a disposición das entidades que o precisen, previa solicitude. O que máis demanda ten son as mesas, que, de feito, xa teñen sido utilizadas na práctica totalidade das parroquias.

Despois de probar varios sistemas, e coa intención de garantir a durabilidade das mesas, optouse por un material de alta resistencia e un deseño propio realizado pola empresa local Aluponte, situada no parque empresarial de Tella, que non só son comodísimas, senón que ademais están pensadas para soportar traslados, golpes e humidade; dispoñen de protección para non danar as superficies sobre as que se asenten, teñen un sistema de almacenamento moi doado e ademais encaixan á perfección para poder amplialas sen que se note a unión entre unha e outra. Como sinalou o alcalde, Lois García Carballido, con sorna: ?A quen non lle caeu un vaso ou unha botella cando o puxo na xunta de dúas mesas? Este sistema de verdade que é xenial, son mesas superduras e estables, as asociacións valoran moito que llas levemos para os seus eventos. Teño que agradecer a Aluponte o invento, aquí asesorounos moi ben?, engadiu.

Contactos coas entidades
A selección do material realizouse como consecuencia dos contactos periódicos que mantén o concelleiro de Asociacionismo, Carlos Penedo, coas entidades para coñecer as súas necesidades; así coma polas solicitudes recibidas tanto polo concelleiro de Festas, José Manuel Pose Verdes, coma polo de Deportes, Marco Varela, dende as comisións de festas e as agrupacións deportivas, respectivamente.

O alcalde anima a todas as asociacións sen ánimo de lucro do municipio a utilizar estes recursos que o Concello de Ponteceso pon á súa disposición. ?Estes tres anos e medio foron un fervedoiro de actos culturais, deportivos e de festa. Queremos que isto vaia a máis e por iso estamos aquí para axudar as asociacións con estes e outros recursos para a organización dos seus eventos?, rematou García Carballido.


Concello de Ponteceso