Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Normalización Lingüística ofrecerá unha sesión de mindfulness para nenos/as de 4 a 12 anos dentro do programa Apego

Será o vindeiro xoves 18 a partir das 17 h no salón de actos do Edificio das Escolas

Coñeces o mindfulness? Pois desde a Área de Normalización Lingüística, que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, convidámoste a descubrir en que consiste esta novidosa técnica de relaxación dirixida a mellorar a calidade de vida das persoas. Nesta ocasión, a sesión que imos levar a cabo o vindeiro día 18 no salón de actos do Edificio das Escolas de Ponteceso, dentro do programa Apego, centrarase no adestramento da atención e o autocontrol durante a infancia para aprender a xestionar todo tipo de emocións e sentimentos.

Centrarse no momento presente e aceptar as emocións son dous dos pasos fundamentais para controlar a frustración e a ansiedade e liberarnos de todo o que nos faga perder o control. E iso é, precisamente, o que van facer os nenos e nenas de 4 a 12 anos, que se animen a participar, acompañados dun adulto, nesta experiencia única e relaxante coa que lograrán, sen dúbida, acadar a calma, aumentar a auto-conciencia e reducir o nivel de activación.

A encargada de conducir a actividade será Raquel Bello, unha experta na materia e psicóloga de Oikos Espazo de Emocións, Desenvolvemento e Saúde. Da súa man aprenderemos a ser máis libres, a confiar sen xulgar e a detectar que pensamentos ou actitudes nos provocan estrés para erradicalos das nosas vidas.

Agardámosvos a partir das 17 horas tirados polo chan con moitas e divertidísimas sorpresas. Non faltes!


Concello de Ponteceso