Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A III Quedada de pesca de fondo e spinning Costa da Morte reunirá o 4 de novembro no noso concello a máis dun cento de afeccionados

Inscríbete! O prazo está aberto ata o 31 deste mes

Xa queda menos para a celebración da III Quedada de Pesca de Fondo e Spinning Costa da Morte que organiza o Club de Pesca Noroeste e a tenda náutica A Bordo, en colaboración co Concello de Ponteceso e o diario Que pasa na Costa. Será o vindeiro día 4 de novembro cando os/as amantes de ambas modalidades se dean cita arredor dunha xornada deportiva e de convivencia durante a que, ademais de gozar da súa gran afección, poderán desfrutar do tradicional encontro de pescadores/as que este ano se realizará no local da asociación de veciños Monte Branco do Couto debido ao elevado número de participantes, que xa vai camiño de superar o centenar.

A terceira edición da Quedada de Pesca dará comezo ás 7:30 horas e terá como escenario o tramo comprendido entre a desembocadura do río Anllóns e o Faro Nariga. Cada participante poderá situarse na zona de pesca que prefira (costa, mar, rio...), xa que non haberá espazos delimitados para facelo nin tampouco restricións en canto ao número ou tamaño das capturas. Neste sentido, como xa vén sendo habitual, para evitar a pesca de exemplares pequenos e/ou incontrolada, desde a organización premiaranse as capturas máis grandes, non as máis cuantiosas.

Ás 12:30 horas haberá unha xuntanza na zona Arnela, en Corme, para proceder ao pesado das pezas e elixir aos gañadores/as. Así, estableceranse tres premios por categoría (máximo un por pescador/a) e haberá un sorteo de material deportivo entre todos os/as asistentes.

A continuación, os e as pescadores celebrarán un xantar a base de empanada, roxóns e paella no local social do Couto, ao que poderán asistir familiares, amigos/as e todas as persoas que o desexen. O prezo da comida será de 20 ? para os/as participantes na xornada deportiva, 15 ? para os/as acompañantes e 10 ? para os nenos e nenas que disporán de menú infantil.

Actividades paralelas
E xa pola tarde, as sorpresas e a diversión continuarán no recinto con dúas propostas moi interesantes e atractivas. Unha delas consistirá nunha exposición de material deportivo con demostración de natación de engados incluída, organizada pola tenda de pesca A Bordo, de Ponteceso. A outra, igual de espectacular, chegará da man do outro organizador do evento, o Club de Pesca Noroeste, que exporá ao público a colección de kayaks que se utilizarán para o curso de piragüismo promovido pola Concellería de Deportes dentro da programación municipal anual, que dará comezo o próximo día 3.

As persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse antes do 31 deste mes chamando aos teléfonos 881 984 913 (A Bordo), 699 234 780 (Emilio) e 681 229 068 (Dani). Non existe límite de prazas.

Desde a organización agradecen a excelente acollida que está a ter o evento deportivo entre a veciñanza e confían en superar o centenar de participantes, batendo así todos os récords de edicións anteriores xa que, polo de agora e a dúas semanas de que finalice o prazo de anotacións, o número de inscritos/as supera xa ao do ano pasado. Pola súa banda, o concelleiro Marco Varela tamén anima á cidadanía a desfrutar dunha xornada perfecta na que deporte, natureza, diversión e convivencia serán protagonistas a partes iguais.


Concello de Ponteceso