Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Biblioteca ofrecerá o venres 26 un espectáculo infantil de maxia dentro do programa Ler conta moito

A partir das 18:30 horas, o Mago Paco encherá a biblio de contos, xogos e trucos sorprendentes para nenos/as de 3 a 12 anos

Na Área de Biblioteca de Ponteceso as actividades de dinamización da lectura para os/as peques da casa non paran!

Despois da divertidísima historia de “Paxariños” que nos contou Lilí Gruyére (a ratiña preferida dos nenos/as) e do canta-contos que nos ofreceron Silvia Penide e César de Centi sobre “A viaxe da palabra que non era valente”, esta semana é a quenda a un novo espectáculo infantil, dirixido a nenos/as de 3 a 12 anos, que vos vai deixar coa boca aberta: Maxia divertida 2.0.

Desta volta, o Mago Paco presentaranos unha morea de contos e historias, a través de xogos e números de ilusionismo, que levará a nenos/as e maiores a descubrir “a maxia divertida” que esconden os contos.

Durante algo máis dunha hora, os e as asistentes serán testemuñas dos novos trucos que argallará este peculiar personaxe nos que a risa será o elemento principal para sorprender ao público. Unha proposta pouco convencional pero moi moi divertida.

A actividade, enmarcada no programa Ler conta moito, terá lugar o venres 26 na Biblioteca Municipal partir das 18:30. Non o esquezas! É de balde.

Concello de Ponteceso