Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Biblioteca Municipal acollerá o xoves 25 unha charla-exposición do fotógrafo naronés Lucas Blanco

A desigualdade e a inxustiza nos campos de refuxiados centrarán a actividade, organizada pola Concellaría de Educación

Lograr a igualdade de xénero require da participación e o compromiso de toda a sociedade: mulleres, homes, nenas e nenos. É responsabilidade de todos e todas. A igualdade das mulleres debe ser o compoñente central en calquera intento por resolver os problemas sociais, económicos e políticos. Sábeo ben o protagonista da próxima actividade, organizada pola Concellería de Educación, que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, e que consistirá na realización dunha exposición fotográfica e unha charla-coloquio a cargo do fotógrafo naronés Lucas Blanco, que terá lugar o xoves 25 na Biblioteca Municipal.

Baixo o título “Obxectivo ELAS”, este freelance con alma de aventureiro achegaranos á realidade dos campos de refuxiados aos que acode nas súas viaxes para denunciar, cámara en man, as inxustizas e as desigualdades sociais que día a día sofren milleiros de persoas en países como Senegal, Alxeria, India ou Ecuador, entre outros. E para facelo, o autor valerase, como de costume, das súas imaxes e do seu testemuño en primeira persoa.

A partir das 18:00 horas, unha mostra con algunhas das súas mellores instantáneas adornarán a Biblioteca Municipal realizando un percorrido físico e sentimental polo día a día de quen sofre a intolerancia e a desigualdade na súa propia pel. Pero os/as asistentes tamén terán a oportunidade de escoitar en primeira persoa as súas vivencias e anécdotas nunha charla-coloquio que ofrecerá coa intención de sensibilizarnos sobre a necesidade de aprender a coñecer e respectar as diferentes culturas e costumes.

Nesta ocasión, Lucas Blanco, coautor tamén do libro Corazón Negro xunto á poeta albaceteña Mar Herrera, estará acompañado pola escritora Amellia de Querol Orozco, coa que traballou na elaboración do seu último proxecto bibliográfico Silencios, que xa está a piques de ver a luz.

Unha oportunidade única para descubrir de preto outras realidades e lado máis emotivo solidario e emotivo do ser humano. Non faltes! A entrada será libre e de balde.

Concello de Ponteceso