Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Tradición e sabor daranse cita esta fin de semana na XXVIII Feira das Fabas e outros produtos da terra

Ademais da tradicional fabada haberá actuacións musicais, pasarrúas e, o domingo, degustación de tapas en varios establecementos de hostalaría

Esta fin de semana Ponteceso vivirá un dos eventos gastronómicos con máis sona, tradición e sabor do municipio e de toda a Costa da Morte. Consolidada xa como unha das citas máis agardadas do calendario de outono, chega unha nova edición da Feira das Fabas e outros produtos da terra. E xa van 28!

Aínda que a degustación de fabada volverá a converterse no prato forte da fin de semana, desde o Concello de Ponteceso elaboramos un amplo e variado programa de actividades no que non faltarán as actuacións musicais e as degustacións en diferentes locais de hostalaría do municipio para poñer en valor a riqueza e variedade dos produtos da nosa terra.

A celebración, na que tamén colabora a Deputación da Coruña, arrincará o sábado 27 a primeira hora da mañá. Os/as máis madrugadores serán os/as encargados/as de elaborar a tradicional fabada que comezarán a preparar desde ben cedo, ás 08:00 horas. Un pouco máis tarde abriranse ao público os postos cos produtos da terra nos que os/as visitantes poderán ver e mercar a mellor materia prima da horta pontecesán.

A partir das 12h, a música tradicional de Os Farrapos de Cesullas e Noventa da Coruña encherá de animación e bo ambiente as rúas da localidade para dar paso aos actos centrais da xornada principal.

Primeiro, celebrarase o pregón, previsto para as 14:00 horas, que este ano correrá a cargo de Ángel Mato Ferreiro, veterinario e veciño do Campo da Feira. Despois dará comezo a tradicional degustación de fabas e castañas de pao asadas baixo a carpa que estará instalada no Campo de A Trabe.

E para rematar, nada mellor que un pouco de música para que os comensais se animen a bailar e facer a dixestión de tan suculento (e abundante) xantar. A partir das 16:00 horas, a orquestra Israel arrincará os primeiros compases dunha sobremesa que promete moita festa e diversión.

Degustacións en bares
A XXVIII Feira das Fabas continuará o domingo con degustacións en nove establecementos de hostalaría de Ponteceso nos que os/as clientes, ademais de probar as diferentes propostas elaboradas co ingrediente estrela desta fin de semana, poderán atopar saborosas receitas que maridarán á perfección os produtos da nosa terra cos do noso mar, sempre presente na nosa gastronomía local.

De 12:30 a 15:00 horas, a cita cos petiscos máis saborosos estará en: Casa Eiroa (Fabas con bacallau), Bar Rosalía (Fabas con mexillóns), A Eira (Fabas sen título), Abeiro (Callos), Cafetería Madison (Mexillóns e brochetas), Bar O Cruce (Callos e empanada), Royale Team (Fabas á asturiana), Tasca A Ferradura (Fabas con polbo) e Restaurante A Pesqueira (Fabas con coello).

Desde as 12 h, a música da agrupación folclórica Noventa da Coruña estará amenizando as rúas e os bares participantes. Non ten perda!

Concello de Ponteceso