Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Servizos Sociais porá en marcha o luns 5 un obradoiro sobre novas tecnoloxías para despedir o programa Actívate 2018

Simultaneamente, o departamento de Isabel Vuelta proxectará, por primera vez en Ponteceso, o documental ?Noetiña?

Tras a clausura, esta mesma semana, do curso de memoria activa, no que participaron 40 veciños e veciñas de Ponteceso, o programa Actívate encara xa a súa recta final coa posta en marcha da derradeira acción formativa que se levará a cabo durante os meses de novembro e decembro. Deste xeito, desde a Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta González, poñemos o punto e final á programación deseñada para este ano coa intención, unha vez máis, de incrementar a oferta de ocio e tempo de lecer da veciñanza, ademais de mellorar a súa calidade de vida e promover unha maior participación social.

O novo obradoiro, que dará comezo o vindeiro luns 5 con 45 alumnos/as, centrarase nas novas tecnoloxías. A empresa de xestión social MáisPorvir será a encargada de achegar aos participantes os coñecementos básicos para o manexo de dispositivos móbiles e ordenadores, cada vez máis presentes na nosa vida diaria, xunto cos seus beneficios e utilidades. As sesións, que serán fundamentalmente prácticas, desenvolveranse na aula de informática da Casa da Cultura de Ponteceso, todos os luns e mércores, en horario de 17:00 a 19:00. As clases estarán formadas por grupos reducidos para garantir unha atención personalizada e un seguimento individualizado.

O programa Actívate arrincou o pasado mes de abril cun curso de arranxos florais, que se prolongou ata finais de maio resultando todo un éxito de participación. En xuño, celebrouse un taller dedicado as artes manuais e durante os meses de setembro e outubro levouse a cabo un obradoiro de memoria activa no Edificio das Escolas. A titular da área Isabel Vuelta destacou a boa collida que un ano máis tivo esta iniciativa entre a veciñanza ao tempo que agradeceu a participación e o interese de todos/as nas diferentes propostas ofertadas.

Proxección de ?Noetiña?
E que mellor maneira de iniciar un obradoiro sobre novas tecnoloxías que coa estrea dun documental! Por iso, coincidindo coa presentación do novo curso, a Concellería de Servizos Sociais ten previsto proxectar, por primeira vez en Ponteceso, o audiovisual Noetiña.

As mulleres e o mar, traballadoras invisibles na Costa da Morte, un traballo que aborda a desigualdade de xénero a través da participación das mulleres nas actividades pesqueiras e a súa repercusión no ámbito familiar. Realizado a partir dun estudo da Facultade de Ciencias da Saúde de Santiago de Compostela, este documental, dirixido por Gabriela Amor e rodado en concellos como Fisterra e Corcubión, foi galardoado co premio do I Concurso de Ideas Luisa Villalta de Proxectos Culturais pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña.
Noetiña narra a historia de Jenifer Suárez Silva, unha mariñeira que quere ser patroa do barco familiar Noeta para seguir coa saga familiar. Pese a que conta co apoio dos seus, coa chegada da maternidade comezan a xurdir as primeiras dúbidas.

A proxección terá lugar ás 18:00 horas na Casa da Cultura. A entrada será libre e de balde ata completar aforo. Valo perder?

Concello de Ponteceso