Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Tal como reflicten as actas, o PP votou en contra da proposta de investimento do superávit tanto na comisión coma no pleno

Nesta nova atoparedes a relación detallada das obras que levaremos a cabo e das que os populares non quixeron saber nada

Desde o goberno municipal de Ponteceso queremos resolver a polémica creada arredor das obras aprobadas con cargo ao superávit do 2017, e convidamos ás persoas interesadas a consultar as actas da comisión informativa e do pleno (poden descargarse ao final desta nova), no que, tal como recolleu o secretario accidental da corporación municipal, responsable de dar fe do acontecido, os cinco concelleiros do PP presentes votaron en contra da proposta do tripartito para investir ese superávit en obras. O alcalde, Lois García Carballido, quere enviar unha mensaxe tranquilizador a José Luis Fondo e o seu equipo: ?Tranquilos, cando inauguremos as obras convidarémolos igual, aínda que votasen en contra?.

A continuación debullamos as obras previstas e os motivos para a súa elección, conscientes de que existen moitas outras necesidades ás que intentaremos ir dando solución, na medida das posibilidades, no futuro próximo:
1. Torres de alumeado no campo de fútbol municipal do Cairo, Corme: 48.400,00 ? .
En diversas ocasións, o Corme CF tivo que suspender partidos pola escuridade. A ausencia dun alumeado en condicións condiciona moito non só as competicións senón tamén os adestramentos. Teñamos que conta que moitos dos xogadores estudan ou traballan fóra de Corme. Hai que destacar o enorme significado do Corme CF para a vida social e deportiva da localidade. No primeiro torneo de fútbol base Vila do Roncudo houbo 30 equipos de 15 clubes, Corme Porto acolleu a 2.000 persoas en dous días e os negocios estiveron abarrotados. Os éxitos deportivos e a afluencia ao Campo do Cairo amosan que o sentimento vai moito máis alá do deportivo, un sentimento que resumen na frase ?Corme Sangue Azul?. Os adestradores do Corme CF non cobran nada e todo o pobo implícase co equipo. Despois de acometer significativas melloras durante este mandato, de incrementar a subvención municipal para desprazamentos e de liquidar a importante débeda que o Concello tiña coa empresa que lles fai o transporte, para a concellería que dirixe Marco Varela o alumeado led é a gran prioridade para o Corme CF. O único xeito de financiala urxentemente é con cargo ao superávit.

2. Instalación de biosaudables e mellora de parque infantil en Pazos: 17.067,00 ?.
O Concello ampliou os servizos de xardinería e limpeza viaria a Pazos, parroquia moi emprendedora onde trunfa a hostalería, o sector servizos e mesmo o industrial. O Concello ten unha pequena área triangular fronte á cervexería O Pazo, en Pazos de Arriba, que está sempre en estado de abandono. Nese lugar pretendemos crear un parque para as persoas maiores con aparatos de ximnasia de exteriores. Ademais, as nais dos nenos e nenas da escola unitaria de Pazos reuníronse en setembro co alcalde e o concelleiro de educación, Carlos Penedo, para pedir un parque único (agora está partido en dous, un a cada lado do edificio) para que a mestra poida atender ben os alumnos e alumnas, ademais da mellora e ampliación do mesmo. O Concello non tiña partida para esta actuación, por iso se levou a pleno con cargo ao superávit.

3. Teito da escola infantil 0-3 anos, municipal, en PVC: 18.000,00 ? .
Ademais de pagarlle á Xunta 900 euros por alumno e ano (40.000 euros o ano pasado), o Concello está obrigado a costear o mantemento, a limpeza e enerxía da escola infantil Galiña Azul de Ponteceso. A Xunta cóbralles mensualmente aos pais e nais e non aporta nada ao Concello. Neste mandato remodelamos as aulas e melloramos a calefacción a petición da dirección do centro e liquidamos a débeda que o goberno anterior tiña co consorcio, de 40.000 euros. Malia ser un edificio que custou 160.732 euros e que se construíu no ano 2008, a cuberta plana está mal executada e entra auga por todas partes. Hai que volver instalar todo o PVC da cuberta. Non é o único edificio recente con defectos, porque o Centro Cultural próximo ten filtracións de auga polas cristaleiras, non tiña acometida eléctrica e aínda carece de calefacción. O sistema de tragaluces fai que se poña a 30 grados o interior da biblioteca no verán.

4. Xornes, mellora de camiños 47.899 euros.
Camiño de Buño a depósito de auga 7.179
Camiño de Xornes a depósito de auga 40.720
As augas potabilizadas do Anllóns non chegan aos lugares de Xornes e por iso a parroquia buscou abastecerse de depósitos ao efecto de mananciais tradicionais. Agora é preciso ir moitas veces aos depósitos, polo que o arranxo do firme destes camiños, que non se tocaron en vinte anos, é un clamor en Xornes, pois todos os usuarios aboados á traída afrontan o cen por cen dos custes do servizo. Con este investimento non só se favorece á comunidade de usuarios das augas, posto que hai moitos montes, leiras e incluso unha explotación de invernadoiros que precisa das melloras viarias. A única financiación hoxe é usar o superávit orzamentario conseguido.

5. Aglomerado en Tallo, Pazos-Rebordáns, Tallo e O Castro de Cores: 237.999 euros.
Ao igual que en moitos outros núcleos rurais de Ponteceso, as vías están en moi mal estado porque ata agora non se resolvía ben a recollida de pluviais e optábase por regos asfálticos pouco duradeiros, en lugar do aglomerado. Este goberno comprometeuse a facer todas as pistas que permita a Xunta ? Medio Ambiente, en aglomerado e pintadas, por seguridade viaria. Á parte do millón de euros que vai executar este ano a concellería de José Manuel Pose Verdes, estes 237.999 euros do superávit van destinados a combater a desigualdade entre os núcleos urbanos e as aldeas, e facer máis atractivo rehabilitar ou construír unha vivenda no rural de Ponteceso.
Acceso en Figueiroa 8.499
Pavimentación do núcleo de Figueiroa 27.881
Camiño da Bugalleira a Rebordáns 83.919
Camiño de Rebordáns a Tallo 87.764
Camiño no Castro 29.936

6. Mellora dos camiños de terra: 129.111 euros.
Os camiños de terra que unen as parroquias son transitados a diario polos todo-terreos e tractores. Sen embargo, outros cidadáns en turismos ou bicicletas tamén queren transitar sen danar os seus vehículos, polo que nos piden que se melloren os mesmos, como fixemos este ano na pista das Salgueiras (no alto do Couto) e do Faro de Brántuas a Guxín, a petición da asociación nosa señora do Faro.
Camiño de Riotorto a Ameixenda: 55.762 euros. Atópase en moi mal estado e ten bastante tránsito porque evita un rodeo moi importante.
Camiño de Balarés a Corme Aldea: 73.349 ?. É das estradas máis fermosas da Costa da Morte, porque percorre o camiño de Balarés a Gondomil e Froxán de Corme Aldea pola costa. Os homes e mulleres que andan ao percebe son os que máis nos piden esta mellora.

7. Adecuación Praza da Bugalleira: 68.000 euros.
O concello quixo financiar esta mellora con fondos FEDER europeos pero a Xunta de Galicia, de forma absolutamente arbitraria, negounos a subvención. A praza é o corazón social e comercial de Tallo. Á parte de instalar alumeado led neste mandato e mellorar a recollida de pluviais, preténdese darlle un aire moderno e embelecer o espazo, para ser un espazo de encontro para a veciñanza e para que toda a xente que pasa pola estrada de Ponteceso a Buño teña gañas de parar alí.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso