Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A nova directora de Augas de Galicia comprométese co alcalde a redactar o proxecto para a nova depuradora de Ameixenda-Pazos

Lois García Carballido presentoulle un detallado informe sobre as actuacións en auga e saneamento realizadas pola Concellaría de Infraestruturas

A nova directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez López, comprometeuse co alcalde de Ponteceso a encargar un proxecto para unha nova depuradora no lugar de Ameixenda, na parroquia de Pazos. Lois García Carballido entregoulle un informe municipal sobre as deficiencias da actual depuradora, construída polo organismo autonómico e incapaz a día de hoxe de depurar os residuos dunha parroquia que medra en vivendas unifamiliares e negocios, como é o caso de Pazos.

A directora de Augas, dada a súa capacidade técnica, pois é enxeñeira do organismo autonómico dende 2003, analizou o documento para explorar novas vías para garantir o coidado do medio ambiente e conseguir unha nova depuradora. De momento comprometeuse a encargar a redacción do proxecto.

250.000 euros de fondos municipais en abastecemento e saneamento
O alcalde de Ponteceso expuxo no transcurso da xuntanza, que tivo lugar no despacho da directora de Augas de Galicia, os investimentos realizados pola Concellería de Infraestruturas, que dirixe José Manuel Pose Verdes (Apin), con fondos propios do Concello, para a extensión da rede municipal de auga potable.

O abastecemento a Tallo, cun orzamento de 110.000 euros, foi a obra máis importante, aínda que tamén se ampliou a rede en Tella, Brantuas-Niñóns, Pazos e Corme-Aldea, en todos os casos con fondos propios. García Carballido lembroulle á director de Augas que, malia estar pagando o canon no recibo da auga, Ponteceso non recibiu investimentos do seu departamento nos últimos seis anos. O alcalde puxo en valor o traballo realizado pola Concellería de Infraestruturas do Concello de Ponteceso para poñer en marcha a depuradora e bombeo de Corme, que estaban parados ao principio do mandado, provocando un grave problema ambiental e multas de Augas de Galicia, e que o Concello puxo a funcionar da man de empresas locais. O mantemento é moi custoso para o Concello, polo que o alcalde pediulle a Teresa Gutiérrez que o seu departamento asuma o mantemento da EDAR de Corme.

Solucionados os problemas na Arnela de Corme e o parque empresarial
Dentro dos 250.000 euros investidos polo Concello, o alcalde destacou os 30.000 euros que se destinaron á reforma do saneamento na Arnela de Corme. Despois de varios anos de problemas e filtracións á praia, o Concello de Ponteceso procedeu á renovación de todo o saneamento do paseo marítimo, de reformar acometidas do saneamento no Alto da Costa que tamén estaban rotas, cos conseguintes vertidos.

No caso do parque empresarial conectáronse diversas áreas de traballo das naves ao saneamento, que antes ían á rede de pluviais, para eliminar os problemas en Tella e defender a actividade empresarial. O alcalde tamén falou das depuradoras naturais de base biolóxica que o Concello quere instalar nas aldeas de Ponteceso. Todos estes investimentos municipais serviron de argumento, por parte da Alcaldía, para reivindicar investimentos do departamento autonómico.

Próxima licitación do ciclo integral da auga
Xa por último, o alcalde informou á responsable autonómica da xestión realizada polo goberno municipal para poñer ao día ao Concello coa empresa adxudicataria da auga e saneamento, antes con 800.000 euros de débeda e agora dando beneficios ao Concello, que conseguiu unha quita importante da empresa. Todo isto para licitar proximamente o servizo e conseguir un canon que permita poñer ao día as anticuadas instalacións. A este respecto, Lois García Carballido aludiu á obsoleta rede de abastecemento de Corme, que sofre roturas continuamente e que sería preciso renovar.


Concello de Ponteceso