Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As Xornadas Micolóxicas de Ponteceso levarán o nome de Paco Souto, que foi o coordinador das primeiras edicións

A cuarta edición das xornadas, organizadas pola Concellaría de Educación, Patrimonio e Asociacionismo e a asociación A? Xolda, celebrarase este sábado 24

O outono é tempo de cogomelos! E, como de costume, este mes chega a Ponteceso unha das citas imprescindibles da temporada: as IV Xornadas Micolóxicas, que a partir desta edición levarán o nome do escritor, percebeiro, político e gran activista social e cultural Paco Souto, que, precisamente, fora o coordinador das dúas primeiras edicións antes do seu inesperado falecemento, en marzo do ano pasado. Deste xeito, desde a Concellaría de Educación, Patrimonio e Asociacionismo, encargada de organizar o evento xunto á asociación veciñal, cultural e deportiva A?Xolda (Cores?Nemeño), preténdese render unha merecida homenaxe a quen foi un dos promotores desta iniciativa no noso concello, ademais dun gran apaixonado da micoloxía.

No departamento que dirixe Carlos Penedo xa temos data para a celebración da edición deste ano. Será o vindeiro sábado 24. Ás 10:30 horas, afeccionados/as á micoloxía e público en xeral daranse cita na Biblioteca Municipal para iniciar un particular percorrido por diferentes puntos do municipio xunto a Manuel Pose Carracedo, coordinador da actividade, que guiará a visita xunto a José García, colaborador e experto na materia. Ao longo da mañá procederase á recolleita dos cogomelos con explicacións in situ sobre as diferentes variedades existentes na contorna e algunhas recomendacións a ter en conta para distinguir as especies velenosas das comestibles. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, procederase á catalogación de todos os produtos recollidos durante o día, e ás 20:00 horas dará comezo no local social da Campara unha degustación de setas con elaboracións do cociñeiro Bautista Mato.

As persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse previamente chamando ao telefono 981 715 442 ou enviando un mail a: ponteceso.rbgalicia@eidolocal.es. Hai un límite de 25 prazas.

O concelleiro Carlos Penedo anima e convida a toda a veciñanza a sumarse a unha iniciativa que, ademais de didáctica, promete ser moi divertida e saudable para toda a familia. Sen dúbida, unha excelente oportunidade para que nenos/as e maiores poidan gozar dunha xornada de natureza, convivencia e aprendizaxe.

Concello de Ponteceso