Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Aberto ata o 24 de novembro o prazo para participar no II Concurso Pintura Mural QDM? promovido pola Deputación da Coruña

O Concello de Ponteceso convida a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa de sensibilización contra a violencia de xénero

Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se celebrará o vindeiro 25 de novembro, o Concello de Ponteceso convida a toda a cidadanía a participar na campaña de sensibilización contra a violencia de xénero Quen dixo medo?, promovida pola Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de concienciar e implicar a nenos/as, mozos/as e adultos nun problema que afecta a toda a sociedade e ao que debemos plantarlle cara.

Para elo, o organismo provincial vén de convocar o II Concurso Pintura Mural QDM?, unha iniciativa coa que se pretende empregar a pintura mural para xerar espazos que conviden á reflexión e muden mentalidades a través da xeración de mensaxes e imaxes de loita contra a violencia machista.
As persoas interesadas en participar deberán elaborar un bosquexo a cor e envialo por correo electrónico, en formato PDF (tamaño DINA4), xunto cun pequeno texto explicativo sobre o deseño escollido, ao enderezo info@quendixomedo.gal acompañado dos documentos adxuntos que poderán descargar en www.quendixomedo.gal. A temática elixida deberá xirar arredor da sensibilización e a loita contra a violencia de xénero e a técnica a empregar será libre.

Estableceranse dúas categorías de participación: unha para nenos/as e mozos/as de 5 a 17 anos e outra para persoas maiores de 18, que poderán concorrer de maneira individual ou grupal, sempre e cando non superen os catro integrantes. No caso dos menores de idade, deberase acompañar unha autorización do proxenitor/a ou titor/a legal. Cada participante, só poderá presentar un bosquexo orixinal e inédito, non premiado con anterioridade. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o sábado 24 ás 15 horas.

O gañador/a de cada unha das categorías recibirá como premio un IPod Touch de 32 Gb e a realización da súa pintura mural nun espazo público do seu municipio, habilitado polo propio Concello, arredor do 25 de novembro. Na obra, figurará, ademais, a autoría da mesma así como unha breve referencia á campaña QDM?

Se che leva idea debuxar e queres aportar o teu gran de area á loita contra a violencia machista, ponte mans á obra e envía o teu deseño QDM? Consulta as bases e infórmate no documento adxunto que figura ao pé desta nova.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso