Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellería de Educación e a Casa-Museo Manuel María conmemoran o 50º aniversario de “Os soños na gaiola”

A compañía Títeres Alakrán abrirá o martes 4 un programa de actividades que tamén inclúe música, un recital e unha saída cultural

Con motivo da celebración do 50º aniversario da primeira edición de “Os soños na gaiola” (1968), a Concellería de Educación vai poñer en marcha, en colaboración coa Casa-Museo Manuel María, unha serie de actos conmemorativos para achegar á rapazada e ás súas familias a que é a primeira obra de poesía infantil en galego dun dos autores máis célebres das nosas letras. A primeira proposta da programación arrincará este mesmo mes de decembro coa posta en marcha dun espectáculo infantil de monicreques dirixido ao alumnado dos centros de infantil e primaria do noso municipio.

O vindeiro martes 4, a partir das 09:30 horas, os alumnos e alumnas do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso terán a oportunidade de ver sobre o escenario do Edificio das Escolas unha adaptación da obra de Manuel María “Os soños na gaiola”, coa que descubrirán o mundo do rural que protagonizou a infancia do poeta. E, ás 13:30 horas, serán os/as escolares do CEIP As Forcadas de Corme os que desfrutarán no seu propio colexio da representación que levará a cabo a compañía de teatro Títeres Alakrán.

O espectáculo, dirixido por Roi Vidal Ponte e con escenografía de Borja Ínsua, consistirá nunha novidosa e moi orixinal ollada aos poemas desta célebre obra galega, a través da influencia da mítica obra Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll. Logo de 50 anos e múltiples edicións, “Os soños na gaiola” segue a ser unha das obras con maior presenza nos centros de ensino e fonte de inspiración para moitos artistas galegos/as.

Máis actividades
O programa de actividades continuará a primeiros de ano nos dous centros educativos coa exposición de 12 ilustracións do pintor Leandro Lamas sobre os 12 poemas recollidos en “Os soños na gaiola”.

Ademais, está previsto realizar un acto conxunto, aberto á participación das familias, no que o alumnado dará a coñecer os traballos didácticos desenvolvidos nas aulas durante o presente curso académico, a través dun recital poético e a interpretación musical dalgúns poemas.

Por último, o departamento que dirixe Carlos Penedo Casmartiño ten previsto realizar unha saída cultural a Outeiro de Rei (Lugo) para visitar a Casa-Museo de Manuel María coa finalidade de que os alumnos e alumnas de Ponteceso e Corme poidan coñecer o valioso e interesantísimo legado do escritor.

Concello de Ponteceso