Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os informes da Xunta pendentes retrasan as obras que acometeremos, malia o voto en contra do PP, con cargo ao superávit

Tras a publicación da aprobación definitiva no BOP, o Concello de Ponteceso xa pode dispoñer de case 556.000 euros para obras grazas á boa xestión económica do goberno

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou o 28 de novembro a aprobación definitiva do expediente de modificación de créditos que nos permite incorporar ao orzamento municipal preto de 556.000 euros procedentes do superávit do ano pasado para destinalos a novos proxectos de infraestruturas que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía.

O goberno municipal tivo que valerse da súa maioría absoluta para sacar adiante os proxectos, xa que o PP votou en contra de destinar o superávit a obras. Malia ter todo listo, o Concello de Ponteceso non pode licitar todos os proxectos porque estamos esperando as autorizacións preceptivas de Augas de Galicia, Medio Ambiente e Patrimonio da Xunta de Galicia para poder iniciar o proceso.

Nestes momentos están en fase de contratación:
1. Torres de alumeado no campo de fútbol municipal do Cairo, Corme: 48.400,00 € .
En diversas ocasións, o Corme CF tivo que suspender partidos pola escuridade. A ausencia dun alumeado en condicións condiciona moito non só as competicións senón tamén os adestramentos. Teñamos que conta que moitos dos xogadores estudan ou traballan fóra de Corme. Hai que destacar o enorme significado do Corme CF para a vida social e deportiva da localidade. No primeiro torneo de fútbol base Vila do Roncudo houbo 30 equipos de 15 clubes, Corme Porto acolleu a 2.000 persoas en dous días e os negocios estiveron abarrotados. Os éxitos deportivos e a afluencia ao Campo do Cairo amosan que o sentimento vai moito máis alá do deportivo, un sentimento que resumen na frase “Corme Sangue Azul”. Os adestradores do Corme CF non cobran nada e todo o pobo implícase co equipo. Despois de acometer significativas melloras durante este mandato, de incrementar a subvención municipal para desprazamentos e de liquidar a importante débeda que o Concello tiña coa empresa que lles fai o transporte, para a concellería que dirixe Marco Varela o alumeado led é a gran prioridade para o Corme CF. O único xeito de financiala urxentemente é con cargo ao superávit.

2. Instalación de biosaudables e mellora de parque infantil en Pazos: 17.067,00 €.
O Concello ampliou os servizos de xardinería e limpeza viaria a Pazos, parroquia moi emprendedora onde trunfa a hostalería, o sector servizos e mesmo o industrial. O Concello ten unha pequena área triangular fronte á cervexería O Pazo, en Pazos de Arriba, que está sempre en estado de abandono. Nese lugar pretendemos crear un parque para as persoas maiores con aparatos de ximnasia de exteriores. Ademais, as nais dos nenos e nenas da escola unitaria de Pazos reuníronse en setembro co alcalde e o concelleiro de educación, Carlos Penedo, para pedir un parque único (agora está partido en dous, un a cada lado do edificio) para que a mestra poida atender ben os alumnos e alumnas, ademais da mellora e ampliación do mesmo. O Concello non tiña partida para esta actuación, por iso se levou a pleno con cargo ao superávit.

3. Adecuación da Praza da Bugalleira: 68.000 euros.
O Concello quixo financiar esta mellora con fondos FEDER europeos pero a Xunta de Galicia, de forma absolutamente arbitraria, negounos a subvención. A praza é o corazón social e comercial de Tallo. Á parte de instalar alumeado led neste mandato e mellorar a recollida de pluviais, preténdese darlle un aire moderno e embelecer o espazo, para ser un espazo de encontro para a veciñanza e para que toda a xente que pasa pola estrada de Ponteceso a Buño teña gañas de parar alí.

En obras:
1. Teito da escola infantil 0-3 anos, municipal, en PVC: 18.000,00 € .

Ademais de pagarlle á Xunta 900 euros por alumno e ano (40.000 euros o ano pasado), o Concello está obrigado a costear o mantemento, a limpeza e enerxía da escola infantil Galiña Azul de Ponteceso. A Xunta cóbralles mensualmente aos pais e nais e non aporta nada ao Concello. Neste mandato remodelamos as aulas e melloramos a calefacción a petición da dirección do centro e liquidamos a débeda que o goberno anterior tiña co consorcio, de 40.000 euros. Malia ser un edificio que custou 160.732 euros e que se construíu no ano 2008, a cuberta plana está mal executada e entra auga por todas partes. Hai que volver instalar todo o PVC da cuberta. Non é o único edificio recente con defectos, porque o Centro Cultural próximo ten filtracións de auga polas cristaleiras, non tiña acometida eléctrica e aínda carece de calefacción. O sistema de tragaluces fai que se poña a 30 grados o interior da biblioteca no verán.

Na recente reunión co alcalde e concelleira de Servizos Sociais en San Caetano, a conselleira de Asuntos Sociais, Fabiola García, comprometeuse a financiar as obras, compensando ao Concello na aportación municipal ao Consorcio pola Galiña Azul de Ponteceso.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso