Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O departamento de Normalización Lingüística achega ao alumnado de primaria o patrimonio oral do ?Cancioneiro e refraneiro de Corme?

A actividade, que inclúe obradoiros con Lupe Blanco e Tono Formoso, arrancará mañá no colexio As Forcadas e continuará a semana que vén no Eduardo Pondal

Co obxectivo de poñer en valor o patrimonio oral da nosa contorna e achegalo aos nenos e nenas do noso municipio, o departamento de Normalización Lingüística vén de poñer en marcha un programa educativo dirixido aos/as escolares de primaria. Nos vindeiros días, o departamento que dirixe Carlos Penedo Casmartiño vai organizar unha serie de obradoiros sobre literatura tradicional, tomando coma referencia o Cancioneiro e Refraneiro de Corme, obra do escritor e investigador ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea ?Ben-cho-sey?, editada en 1951 e na que se recompilan boa parte das tradicións e os costumes populares da nosa vila mariñeira.

A regueifeira Lupe Blanco e o recompilador de literatura oral e dinamizador cultural Tono Formoso serán os encargados de achegar á rapazada, dun xeito lúdico e participativo, os poemas e as cancións recollidas polo autor durante a súa visita a Corme no ano 1947. Logo dunha breve explicación teórica sobre o cancioneiro e as principais coplas de tradición oral da nosa zona, chegará a parte máis práctica e divertida, que consistirá en crear a súa propia cantiga, a partir de versos extraídos da obra, seguindo as pautas da rima tradicional. Cada neno/a escribirá a súa composición nunha camiseta, xunto cunha ilustración representativa do texto, que poderá levar para a súa casa a modo de recordo da actividade. Ao remate, e se o horario o permite, tamén se decorarán chapas con versos do refraneiro e outros elaborados polos propios estudantes.

O primeiro taller terá lugar mañá mesmo, día 5, no colexio público de As Forcadas de Corme. Ao longo da mañá realizaranse tres sesións, de 50 minutos de duración cada unha, nas que participará todo o alumnado de educación primaria, agrupado segundo os diferentes ciclos educativos. A primeira quenda dará comezo ás 09:45 e a última terá lugar arredor das 12:15 horas. Os obradoiros continuarán a vindeira semana no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, onde os alumnos e a alumnas tamén terán a oportunidade de poñer a proba a súa creatividade, enxeño e imaxinación á hora de compoñer e ilustrar.

Cancioneiro e refraneiro de Corme
Xosé Ramón Fernández Oxea ?Ben-cho-sey? (1896-1988) foi un escritor, mestre e investigador ourensán que durante unha estadía no Concello de Carballo, no verán de 1947, achegouse a coñecer a vila de Corme, descubrindo innumerables aspectos da vida da época, como a vestimenta das mulleres, as características singulares das vivendas e a barbería de Juan Cruz Cousillas, ?O Roxiño?, punto de encontro da veciñanza e fonte de inspiración para o Cancioneiro e refraneiro de Corme, considerada unha das obras máis importantes sobre a literatura oral tradicional, publicada en Madrid no 1951 na Revista de dialectología y tradiciones populares.

Concello de Ponteceso