Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Corme abre as portas do seu Poboado Navideño Mariñeiro coa mellor oferta lúdica de Galicia para a ponte da Constitución

Máis de 20 postos no mercado artesáns, animación de rúa, ambientación navideña, concertos, actuacións infantís e moito máis! Do 5 ao 9 de decembro

A mellor oferta lúdica e cultural que atoparás en Galicia durante a ponte da Constitución está en Corme. Do 5 ao 9 de decembro celebramos o primeiro Poboado Navideño Mariñeiro, cinco días repletos de actividade para que desfrutes en familia da música, o teatro, os monicreques e todas as actuacións que temos preparadas e para realices as túas compras de Nadal nos máis de vinte postos de artesanía que atoparás na Praza do Pan e no comercio local.

Este ano imos vivir o Nadal con máis intensidade ca nunca. E por iso, como anunciou a concelleira de Turismo, Susana Toja, na presentación do Poboado Navideño, as panxoliñas soarán durante todo o mes nas rúas de Corme, todos os días pola tarde e as fines de semana e festivos tamén pola mañá. Este ano contaremos ademais cunha decoración especial, que será especialmente coidada na carpa da Praza da Ribeira, na que se desenvolverán os espectáculos. E ademais promocionaremos o comercio e a hostalaría locais co reparto de rifas a todos os establecementos para o sorteo diario de agasallos doados polos artesáns que nos acompañarán durante a ponte. “Queremos potenciar que a xente compre no pequeno comercio, no noso concello, e tamén que compre artesanía”, sinalou Susana Toja.

Na Praza do Pan haberá arredor de 25 postos: mel, xoguetes, traballos das redeiras, xoiería... multitude de propostas de agasallos para o Nadal. O stand da Concellaría de Turismo tamén formará parte do mercado, no que tamén terá o seu espazo a Confraría de Pescadores para vender o calendario con imaxes dos percebeiros locais. “Espero que a xente desfrute, nós facémolo con toda a ilusión e coa intención de atraer xente ao noso concello durante estas datas”, engadiu a concelleira.

PRESENTACIÓN

Na presentación do Poboado Navideño Mariñeiro participaron representantes dalgúns dos grupos que actuarán durante estes días en Corme, coma Larraitx Urruzola, que iniciará na nosa vila a xira galega de “O crebanoces”; Carlos, da Banda da Balbina, que prometeu “moito humor e retranca” ou Cristian, que debullou algunhas das propostas musicais das que forma parte. “É unha proposta musical moi fermosa”, sinalou Emi Candal, da produtora Urdime, encargada da posta en escena desta gran festa do Nadal en Galicia. “A xente vai quedar coa boca aberta”, asegurou.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, cualificou o Poboado Navideño Mariñeiro como unha mostra máis da importante aposta pola cultura que se está a facer desde o Concello. “En dous anos multiplicamos por catro o investimento en actuacións, e somos o concello da provincia que proporcionalmente máis inviste na rede cultural da Deputación”, declarou. García Carballido apelou á implicación das administracións para conseguir que o sector cultural sexa un sector economicamente viable e potente en Galicia. “Nós facémolo, e a mostra está nesta oferta para a ponte da Constitución, unha oferta irresistible e sen comparación en toda Galicia”, manifestou.

Coincidindo co Poboado Navideño Mariñeiro, ademais, abrirá as súas portas ao público o Museo de Arte Contemporánea, recentemente adquirido polo Concello de Ponteceso. Unha auténtica xoia que paga moito a pena visitar. Quedades convidados!

PROGRAMA
5 decembro
22.30h - Concerto Broken Peach

Madrid, Corme, Vigo, Nigrán, Porto do Son e Verín son as vilas que bailarán esta semana ao son deste grupo que une músicas divertidas e de calidade. Broken Peach é a perfecta unión entre The Supremes y The Who, é dicir, un grupo vocal feminino acompañado dunha sólida banda de rock.
“Pode dicirse que son unha banda, pode dicirse que son un coro, ou pode dicirse que somos un espectáculo para todos os públicos... e a verdade, podería dicirse que somos un pouco de todo. Creamos unha nova forma de fusionar a música co espectáculo intentando desmarcarnos das típicas bandas de versións, dándolle un toque persoal a cada un dos temas que interpretamos. A nosa formación é de 3 a 5 voces, batería, baixo, guitarra e piano”, explican.

6 decembro
14.00h - Sesión Vermú con Paty Lesta & The Hits

Cuarteto formado por Contrabaixo, Batería, Piano e Voz. Fan un percorrido por algúns dos HITS máis importantes da historia da música. Joe Cocker, Michael Jackson, Tina Turner, Luz Casal, Elvis Presley, Miguel Ríos, Queen, The Beatles e Police entre outros, estarán presentes nos concertos e todas as cancións foron arranxadas e adaptadas ao cuarteto aos estilos do Swing, Soul, Blues e Funky entre outros.

17.30h - Teatro ó cubo con Ghop
Ghop! é un berro cheo de enerxía e ímpeto para un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que, no pasado, percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas, vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia, o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar. Teatro Ó Cubo sae á rúa e completa o seu repertorio teatral para toda a familia.

22.30h – Adhara and Ritman
Adhara and Ritman é un novo proxecto musical ben coñecido e querido en Corme, que canta en galego. A súa música está baseada en raíces folk galegas mesturadas con outros estilos puros de raíz como o blues, reggae, swing, rock, etc...

7 decembro
17.30h – Martiña soñadora

Martiña soñadora son Sabela King á voz e ao ukelele e Carlos Gil Fandiño ao piano e voz. É unha formación recente que naceu para o desfrute dos nenos e nenas dunha música composta especialmente para elas. Con Martiña soñadora bailarán, aprenderán das músicas e gozarán de cancións con ritmos brasileiros, portugueses, do rock and roll e mesmo do blues con fermosas letras en galego, e incluso en francés. Todas as cancións son orixinais do grupo. Sabela King forma parte de outras propostas para público infantil e familiar como é o caso de Bailabanda e A Pequena e grande orquestra, e Carlos Gil conta tamén con unha ampla experiencia na música para cativos e cativas, forma parte de grupos como OViravai entre outros. Xuntos exploran estilos e ritmos que sen dúbida farán gozar ao público infantil e familiar.

22.30h – A banda da Balbina
Música con ritmos festeiros e retranca, creacións con ritmos festeiros e unha retranca propia do país. Se hai algo que define á formación é que cantan e contan historias, historias que son propias de Galicia e comúns.
Desde os seus inicios manteñen unha proposta que mestura ritmo e melodía coa musicalidade da lingua galega.
 Desde o primeiro disco no mercado co título do primoxénito da Balbina "Estomballada" ata o actual O Marco, convertindo cuncas en ferrados o espírito continúa sendo o mesmos, festa e música asegurada e liderada pola xenial Silvia Cerneira acompañada de Carlos González, Daniel Fuentes, Juan Fuentes e Gabriel Riveiro.

8 decembro
14.00h – Sesión Vermú con SON BOLEROS

Son Boleros é un cuarteto formado por contrabaixo, voz, piano e percusión con unha liña moi elegante. Renden homenaxe ás mellores cancións da música latina. O seu repertorio se componse de Boleros, Tangos e Sones. Os músicos que compoñen o cuarteto contan cunha ampla experiencia e prestixio dentro do panorama musical galego.

17.30h – Larraitz Urruzola con “O Crebanoces”
“O Crebanoces” é un espectáculo de monicreques inspirado no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikovsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela. O padriño Drosselmeier vainos contar a historia do xoguete que acaba de traer neste nadal para os seus sobriños, un boneco crebanoces que se enfrontará á Raíña dos Ratos e nos transportará ao mundo dos contos, onde escoitaremos a suite completa do Crebanoces de Tchaikovsky.

22.30h – Gallaecia Small Band
Está integrada por 8 artistas. Seis músicos relevantes dentro do panorama musical galego (1 saxo, 1 trombón, 1 trompeta, batería, contrabaixo e piano) e dúas cantantes.
Un son explosivo. Unha big band de outros tempos en pequeno formato, con dúas cantantes que se adaptan a calquera repertorio. Unha elegante posta en escena. Temas míticos de Frank Sinatra, Glenn Miller, Paul Anka, Renato Carosone, Pérez Prado, temas actuais de Michael Bublé e moitos outros que nos levarán ao mundo das grandes big bands.

9 decembro
14.00h –Sesión Vermú con The Lakazans

The Lakazans volven despois de dous anos co seu novo traballo: ‘Sandwina’. Trátase do seu terceiro traballo discográfico, que vén confirmar o seu talento compositivo. Os temas seguen a soar moi, pero tamén ábrense camiño a uns sons aínda máis orientados á música americana: rockabilly, countries, souls and swings que non deixarán indiferentes a ninguén.

17.30h – A fiestra dos soños
A fiestra dos soños é un libro de poemas ilustrados e musicados editado por Galaxia e dirixidos principalmente ó público infantil e familiar. A parte literaria componse de trece poemas cunha temática que supón un canto á natureza.
Deste traballo resulta un espectáculo musical en forma de concerto para o público miúdo. Os poemas convértense en cancións que recollen todo tipo de influencias e ritmos, variedade de compases, cambios de tonalidade, etc. cunha liña que bebe das músicas populares do mundo e que atravesa cada un dos temas para darlle unidade, e cunhas melodías de gusto exquisito que xunto cos textos converten as pezas en idóneas para o pracer de grandes e pequenos.
A fiestra dos soños é, pois, un proxecto non para pequenos nin para adultos, senón para soñadores e soñadoras. A propia fiestra abre unha porta para futuras posibles edicións de máis conxuntos de soños.

Concello de Ponteceso