Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso institúe o Día do Himno Galego para conmemorar a data na que foi interpretado por primeira vez

O concelleiro Carlos Penedo e o alcalde, Lois García Carballido, presentaron hoxe o intenso programa de actividades que se desenvolverá do 20 ao 22 deste mes

Unha moción promovida polo concelleiro nacionalista Carlos Penedo Casmartiño e aprobada por unanimidade pola corporación municipal no mes de marzo deu lugar á declaración do 20 de decembro como Día do Himno Galego en Ponteceso para conmemorar a data na que se interpretou por primeira vez na Habana (Cuba), hai agora 111 anos. Dito acordo incluía tamén a elaboración dun programa de actos institucionais para contribuír a acrecentar o coñecemento do Himno e dos seus autores, e hoxe presentárono na Casa do Concello o alcalde, Lois García Carballido, e o concelleiro de Educación, Patrimonio e Asociacionismo, Carlos Penedo.

O 20 de decembro de 1907 tivo lugar no Gran Teatro da Habana a primeira interpretación solemne do Himno Galego. E o vindeiro xoves 20, volverá a soar en Ponteceso como parte dos actos programados para o primeiro día de celebración dunha efeméride que pretende homenaxear ?un símbolo respectado polas galegas e galegos e recoñecer as figuras dos seus autores: Eduardo Pondal, autor do texto e natural de Ponteceso, e Pascual Veiga, autor da música e natural de Mondoñedo?, como apuntou o alcalde, que tamén expresou o seu desexo de que a conmemoración se consolide no tempo e se converta nun atractivo máis para que a xente se achegue ata o noso concello e coñeza a nosa contorna para entender o verdadeiro contido dos versos de Pondal.

PROGRAMA DE ACTOS
A xornada inaugural abrirá ás 10:00 horas no IES Eduardo Pondal cunha conferencia a cargo do escritor e presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, sobre a simboloxía literaria do Himno Galego. De seguido, se a climatoloxía o permite, 120 alumnos/as do centro desprazaranse ata a Praza do Recheo para participar no acto central do día, que consistirá na lectura dun texto por parte dos/as estudantes e unha ofrenda floral ante a estatua de Eduardo Pondal, situada xunto ao río Anllóns e fronte á casa natal do poeta. O dúo formado por Ana e Clara, veciñas do municipio, será o encargado de poñer música a un emotivo evento que rematará coa interpretación do Himno Galego por parte de todos os asistentes.

Coa intención de involucrar e facer partícipe desta celebración a toda a cidadanía, para o venres 21 están programadas actividades para todas as idades. Así, a partir das 17:30 horas, a Biblioteca Municipal acollerá a celebración dun obradoiro de ilustración a partir de versos do himno, dirixido a nenos e nenas menores de 12 anos. Unha maneira divertida e orixinal de achegar aos máis pequenos/as á letra e ao poema ?Os pinos? escrito por Pondal. Xa pola noite, será a quenda do público adulto, que poderá desfrutar a partir das 21 horas do monólogo Por que mo preguntas?, protagonizado polo actor, director e dramaturgo Quico Cadaval, que terá lugar no Edificio das Escolas. Durante a súa actuación tamén fará alusión, en clave de humor, ao Himno Galego entre outras historias, anécdotas e moitas risas.

Mural conmemorativo no Couto
O sábado 22 pola mañá os actos trasladaranse á aldea do Couto, onde se presentará o mural conmemorativo do Día do Himno, elaborado polos artistas carballeses Miguel Anxo Calvo ?O Mighelo? e Isabel Fernández na pista que conduce á Casa dos Veciños. Tras descubrir unha placa en recordo da efeméride haberá unha quenda de intervencións a cargo dos autores da obra e das autoridades alí presentes.

A programación concluirá ás 20:30 horas coa interpretación do Himno Galego durante o tradicional encontro de corais de Nadal, que se celebrará no Edificio das Escolas, e que por primeira vez incluirá unha interpretación conxunta do Himno Galego por parte das nosas corais, como destacou o alcalde.
Desde o Concello de Ponteceso convídase a toda a cidadanía e aos colectivos veciñais a participar nas diferentes actividades programadas arredor da conmemoración do 20 de decembro, o Día do Himno Galego en Ponteceso.

Concello de Ponteceso