Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Gustaríache ver o alumeado de Nadal de Vigo? Inscríbete na visita guiada que faremos o día 4

As inscricións poden realizarse hoxe e os días 2 e 3 de xaneiro en horario de 09.00 a 14.00 e terán preferencia as persoas empadroadas no municipio

A programación do Nadal no Concello de Ponteceso non deixa de medrar. Ás actividades programadas para estas datas por diferentes departamentos municipais vén a sumarse agora outra atractiva proposta para toda a familia que consistirá nunha visita guiada á cidade de Vigo para contemplar o espectacular alumeado de Nadal, que xa foi visitado por máis de 500.000 persoas desde o seu acendido o pasado 24 de novembro. A data elixida para a excursión será o venres 4 de xaneiro.

Aínda que poderán participar todas as persoas que o desexen, desde o Concello de Ponteceso darase preferencia aos empadroados/as no noso municipio. O prazo de inscrición permanecerá aberto hoxe e os días 2 e 3 de xaneiro. Os interesados/as en participar deberán achegarse co seu DNI e tarxeta sanitaria ata as oficinas municipais os días sinalados, en horario de 09:00 a 14.00 horas, para formalizar a correspondente solicitude. O prezo da viaxe, único para todos os/as excursionistas, será de 10 €/persoa. Máis información nos teléfonos 881 983 045/ 881 983 797.

Programa
A saída cara Vigo está prevista para as 10:00 horas de Corme e arredor das 10:15 horas de Ponteceso. Os autobuses irán realizando as paradas de costume para recoller aos veciños e veciñas que desexen participar nesta actividade que se prolongará ata as 01:00 horas, momento no que se efectuará a saída cara o noso municipio.

Arredor das 13:00 horas terá lugar o xantar en Vigo e a entrega dun picnic para a cea a todos os/as participantes, ambos incluídos no prezo da viaxe. De seguido, realizaremos un percorrido pola Rúa do Príncipe e a zona centro para coñecer algúns dos decorados máis emblemáticos da cidade.

Ás 18:00 horas, co acendido do alumeado de Nadal, iniciaremos unha visita guiada a pé ata os lugares máis significativos para ver de preto os espectáculos de luz e cor máis visitados deste Nadal. O itinerario inclúe unha parada xunto a árbore da Porta do Sol, con actuacións musicais ás 19:20 e ás 21:00 horas, a bola xigante de Urzáiz (12 m), o boneco de neve de dez metros situado na Alameda e o tren de luces Vigo Nadal.

As persoas que desexen realizar a visita pola súa conta poderán facelo empregando o bus turístico que percorre os diferentes puntos de alumeado da cidade (billete non incluído).

Non deixes pasar a oportunidade de coñecer un dos espectáculos visuais máis atractivos deste Nadal. Anímate e inscríbete xa nas oficinas municipais.

Concello de Ponteceso