Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Fogos artificiais, globo aerostático e chocolate con roscón para recibir aos Reis Magos na súa visita anual a Ponteceso

A cabalgata arrancará o sábado ás 17.00 horas dende o parque empresarial de Tella e chegará á Praza do Recheo arredor das 18.30

Xa non queda nada para a noite máis máxica do ano, e no Concello de Ponteceso xa temos todo preparado para recibir, unhas horas antes, a visita anual das Súas Maxestades de Oriente, que se achegarán ata o noso municipio para saudar a todos os nenos e nenas e recoller as súas cartas e peticións.

A cabalgata dos Reis Magos sairá ás 17:00 horas do parque empresarial de Tella en dirección á Praza do Recheo de Ponteceso realizando o seguinte itinerario: Os Seixos, Igrexa de Tella, Campo da Feira, IES Eduardo Pondal, O Cruce, Centro Cultural e Praza do Recheo, onde está prevista a súa chegada ás 18:30 horas.

Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos con fogos artificiais, que iluminarán o seu camiño ata a Casa do Concello, onde serán recibidos polo alcalde, Lois García Carballido. Despois da recepción oficial, todos os nenos e nenas que o desexen poderán achegarse aos Reis e facerlles entrega das súas cartas e peticións.

A festa de benvida trasladarase de novo ata a Praza do Recheo para seguir gozando dunha tarde chea de diversión, maxia e ilusión, con moita animación e unha degustación de chocolate e roscón para todos os/as asistentes.

Ademais, a partir das 16:00 horas, todas as persoas que o desexen (e se atrevan) poderán vivir unha experiencia diferente a bordo dun globo aerostático, no que poderán facerse, de balde, ascensos controlados que nos permitirán gozar dunhas vistas marabillosas e de moita altura. Quedades todos/as convidados/as!

Desde o Concello e os servizos encargados da seguridade durante a celebración da cabalgata dos Reis solicítase a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento da mesma e o desfrute dunha tarde especial para todos/as.

Concello de Ponteceso