Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Presentado ao secretario de Estado de Medio Ambiente un proxecto de 280.000 euros para a posta en valor do noso litoral

O alcalde mantivo unha reunión de traballo co secretario de Estado de Medio Ambiente e outros cargos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que se comprometeron a acometer xa nos vindeiros meses as primeiras propostas da Concellería de Medio Ambiente

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, presentou ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, un proxecto por importe de 280.000 euros que inclúe diferentes propostas da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe José Manuel Pose Verdes, para a posta en valor do litoral do concello. Na xuntanza, celebrada na Coruña, tamén participaron a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; a directora xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, Ana María Oroño Valenciano; o subdirector xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil Apenela.

A proposta da Concellería de Medio Ambiente de Ponteceso inclúe actuacións en todas as praias e sendeiros litorais e tamén no Camiño dos Faros. Polo momento, o alcalde conseguiu o compromiso de execución, xa nos vindeiros meses, de melloras na praia da Arnela, en Corme, orientadas á redistribución da area que invade o paseo marítimo continuamente, e tamén no tramo da Pesqueira do paseo fluvial de Ponteceso, xa que ámbolos dous son lugares de paseo e desfrute moi utilizados.

Ademais, García Carballido viaxará a Madrid acompañado polo xefe da Demarcación de Costas para manter unha reunión coa Fundación Biodiversidad coa intención de conseguir fondos europeos que garantan o desenvolvemento sostible do noso rico patrimonio litoral. O alcalde, de feito, aproveitou a xuntanza para explicarlle a Hugo Morán o gran valor do Monte Branco e do esteiro do Anllóns e para convidalo, así coma ao resto das autoridades presentes, a coñecer os distintos hábitats que conforman este espazo natural de 1.154 hectáreas.

Concello de Ponteceso