Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Entroido de Verín e o conxunto histórico de Allariz serán os novos destinos da excursión organizada pola Concellaría de Servizos Sociais

O luns 4 poderán inscribirse as persoas que participen por primeira vez e a partir do martes 5, o resto de veciños e veciñas que o desexen

Na Concellería de Servizos Sociais que dirixe Isabel Vuelta González xa temos novo destino para a que será a segunda excursión do ano, despois da realizada o mes pasado á comarca do Deza. Nesta ocasión, ademais de seguir coñecendo a xeografía galega e o seu extenso patrimonio turístico e cultural, os veciños e veciñas que nos acompañen o próximo 24 de febreiro terán a oportunidade de vivir en primeira persoa un dos acontecementos con máis sona e tradición de Galicia: o Entroido de Verín. E para rematar a xornada, visitaremos o Concello de Allariz para coñecer o seu núcleo urbano, declarado en 1971 como Conxunto Histórico Artístico.

Seguindo o horario habitual, ás 07:15 horas poremos rumbo desde Ponteceso (ás 07:00 h en Corme) cara Verín para gozar dunha xornada de convivencia, turismo e moita festa porque desta volta, poderemos gozar do Entroido de Verín e ser testemuñas directas dun dos espectáculos con máis sona da localidade ourensá: o ?Domingo de Corredoiro?.

Desde primeira hora da mañá, a vila encherase de algarabía, fogos de artificio e música coas charangas encargadas de amenizar unha mañá na que veciños/as e turistas comezarán a ?correr o entroido? e celebrarase a primeira concentración de cigarróns, que farán a súa aparición para saudar a todos os/as asistentes á saída da misa.

Xa pola tarde, tras xantar nun restaurante da zona, visitaremos a vila de Allariz, que compón un dos conxuntos urbanos máis interesantes de Galicia, declarado en 1971 Conxunto Histórico Artístico, e galardoado en 1994 co Premio Europeo de Urbanismo grazas ao proxecto de rehabilitación levado a cabo no casco histórico. Xa de regreso no noso concello, iremos realizando as paradas habituais nos mesmos puntos de recollida.

Inscricións
As persoas que non participaran en excursións anteriores poderán formalizar as súas inscricións no departamento de Servizos Sociais o luns 4 e, a partir do martes 5 (incluído), o resto de veciños e veciñas do municipio interesados en acudir.

Deste xeito, o departamento que dirixe Isabel Vuelta pretende garantir a participación de toda a veciñanza neste programa de excursións que está acadando gran éxito de asistencia en cada viaxe. A adxudicación das prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición e con preferencia para maiores de 55 anos empadroados no noso concello. Máis información no 881 983 045 e no 881 983 797.

Concello de Ponteceso