Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Máis premios, máis animación e máis filloas que nunca para celebrar o 25º aniversario do Entroido en Ponteceso

O prazo para participar no Concurso de Disfraces permanecerá aberto ata o día 27 ás 14:00 horas

Gustaríache vivir o mellor Entroido da túa vida? Pois prepárate porque este ano vas ter a oportunidade de facelo sen saír do noso municipio. O Entroido de Ponteceso cumpre 25 anos e desde o Concello imos celebralo por todo o alto cun programa de récords que nos deixará máis premios, máis animación e, por suposto, máis filloas que nunca. Exactamente, serán 15.000 as unidades que poderán degustarse o domingo 3, a partir das 19:00 horas, no pavillón municipal, tras a celebración do tradicional desfile de disfraces, unha cita ineludible para os/as amantes da festa e a diversión que cada ano está a gañar máis adeptos dentro e fóra do noso concello. As actividades lúdicas para os máis pequenos/as da casa completarán as propostas para gozar dunha xornada en familia con xogos, inchables e moita música.

O Domingo de Entroido (3 de marzo) a troula e a animación darán comezo ás 17:00 horas na Praza do Recheo de Ponteceso, desde onde partirá o tradicional desfile de disfraces rumbo ao pavillón municipal. En caso de choiva, esta actividade quedará suspendida pasando a celebrar todos os actos no recinto cuberto.

A partir das 17:30 horas o palco do polideportivo municipal encherase de cor e animación para acoller a XXV edición do Concurso de Disfraces, que este ano deixará 3.500 € en premios e cuxas bases poden consultarse ao pé desta nova ou na nosa web www.ponteceso.gal. A continuación, celebrarase unha gran degustación de filloas con 7.500 unidades para que ninguén quede sen probar este delicioso manxar e un dos produtos estrela das sobremesas do Entroido, que, a bo seguro, fará as delicias de nenos/as e maiores. E nunha celebración familiar non podiamos esquecernos dos máis pequenos/as da casa. Para eles/as tamén haberá unha festa infantil con xogos, animación e inchables. Anímate e participa! A festa está asegurada!

Entroido en Corme
E para os/as que queiran ir quentando motores, o sábado 2 a asociación cultural Comisión de Festas de Corme organizará en colaboración co Concello de Ponteceso o Entroido Mariñeiro cun programa cargado de boa música, gastronomía e, como non podía ser doutro xeito, disfraces.

Ás 14:00 horas o ritmo chegará á Praza da Ribeira da man da orquestra Trébol, que tamén será a encargada de amenizar ás 23:59 horas unha animada velada xunto ao grupo Marmike. Ademais, quen o desexe, poderá asistir á sesión vermú disfrazado/a do que máis lle guste ou seguindo a temática escollida pola organización para este ano que xirará entorno aos piratas.

Pola súa banda, Os Farrapos de Cesullas percorrerán as rúas da vila na ronda que dará comezo ás 20h e os/as amantes do doces de Entroido poderán desfrutar dunha degustación de sobremesas, nas que non faltarán variedades aptas para todos os padais cunha ampla selección de produtos sen glute. Os máis cativos/as tamén terán o seu momento de diversión, coa sesión de pintacaras que se celebrará ao mediodía, e de nervios e emoción ante a visita dalgúns dos seus personaxes infantís favoritos, xunto aos que se poderán fotografar de 12 a 14 horas polas rúas de Corme (zona de bares) ou a partir das 14h na sesión vermú.

A programación do Entroido rematará o vindeiro martes 5 cunha gran festa organizada polo Concello de Ponteceso no pavillón municipal de Corme, na que haberá baile de disfraces, degustación de sobremesas e inchables para a cativada. Será a partir das 17:30 horas.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso