Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

“Ponteceso quéreme ben”, a campaña do Día dos Namorados para fomentar o bo trato e as relacións afectivas entre a veciñanza

Esta orixinal e agarimosa iniciativa consistirá no reparto de 1.500 adhesivos

Con motivo do Día do Namorados/as, o Concello de Ponteceso propón á veciñanza unha orixinal e agarimosa campaña de sensibilización titulada Ponteceso quéreme ben, e que ten o obxectivo de promover e divulgar por todo o municipio o bo trato e as relacións afectivas.

Así, desde primeira hora da mañá, Cupido disparará as súas frechas polas rúas do noso concello e moi especialmente entre a comunidade educativa, coa intención de poñer en valor as relacións interpersoais e fomentar entre a cativada e a mocidade unha educación en valores na que primen os sentimentos e as emocións fronte ao illamento e o individualismo tan presentes na sociedade actual.

Con esa finalidade, dende o departamento de Cultura repartiremos 1.500 adhesivos nos colexios, o instituto, a escola infantil, as actividades matinais de ximnasia para maiores, establecementos comerciais e locais de hostalaría, nos que figurarán a imaxe da campaña e uns recortables coas palabras “abrazo”, “alago”, “bico”, “caricia” e “sorriso”, que só se poderán conseguir realizando a acción que indican. É dicir, para conseguir o recortable “abrazo”, haberá que dar un... abrazo! Deste xeito, pretendemos iniciar unha cadea humana de afecto e moito, moito amor, porque Ponteceso quérete ben. Apúntaste?

Concello de Ponteceso